Pestanas principais

O 85% dos propietarios aos que se lle requeriu a limpeza da vexetación das súas fincas forestais realizaron os traballos de acondicionamento

Xoves, 24 de abril de 2014

[24-04-2014] O Concello de Ames, a través da concellaría de Medio Ambiente, tramita as queixas e denuncias dos veciños/as que reclaman que os propietarios de determinadas parcelas realicen os correspodentes traballos de limpeza e as manteñan en correctas condicións para evitar o risco de incendio forestal. Cómpre destacar que o 85% dos propietarios/as aos que se lle requiriu a limpeza da vexetación das súas fincas realizaron os traballos de acondicionamento. Ademais, o Concello de Ames lémbralle a todos os veciños e veciñas que dispoñan dunha parcela forestal, que estea situada nunha faixa de especial protección, que deberán realizar os devanditos traballos de tala e roza, tal e como se recolle na lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, modificada pola lei 7/2012 de montes de Galicia.

Os propietarios de parcelas teñen a obriga de mantelas limpas e en correctas condicións para evitar o risco de incendio forestal. Cando isto non sucede os veciños/as que se senten prexudicados por esta situación interpoñen unha denuncia co obxectivo de que a devandita finca sexa limpada. Estas denuncian poden ser tramitadas por persoas particulares.

Durante este ano o Concello de Ames está realizando un seguimento das parcelas que tiñan unha denuncia de limpeza pendente para comprobar se os propietarios/as cumpren coa súa obriga. Cómpre destacar que o 85% dos propietarios/as aos que se lle requiriu a limpeza da vexetación das súas fincas realizaron os traballos de acondicionamento. O 15% restante non cumpriron a súa obrigación por diferentes causas tales como que non se coñece o propietario/a da parcela, existe un problema cos lindes da finca, os propietarios/as están no estranxeiro, etc.

Con estas actuacións, o Concello de Ames busca mellorar a conservación do medio ambiente do municipio, evitar as molestias que o abandono destas parcelas supón para os veciños/as de Ames e rebaixar nalgunhas zonas o risco de incendios.

Prevención e defensa contra os incendios forestais
Ademais, o Concello de Ames lémbralle a todos os veciños e veciñas que dispoñan dunha parcela, que estea situada nunha faixa de especial protección, que deberán realizar os devanditos traballos de tala e roza, tal e como se recolle na lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, modificada pola lei 7/2012 de montes de Galicia.

A devandita lei establece as obrigas das persoas que dispoñen de parcelas incluídas nas faixas de especial protección de núcleos de poboación, que teñen que cumprir coas obrigas de tala e roza da vexetación antes do 30 de xuño de cada ano.

Estes traballos hai que realizalos nunha franxa de 50 metros perimetral ó chan urbano, do núcleo rural e urbanizable delimitado, así como ó redor de edificacións, vivendas ailladas, urbanizacións, depósitos de basura, parques e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte, de maneira que nos primeiros 30 metros non pode haber piñeiros, eucaliptos e acacias, de acordo cos criterios de xestión da biomasa.

As distancias no caso de edificacións, videndas ailladas ou urbanizacións medirase dende o paramento das mesmas. No caso de depósitos de basura, parques ou instalacións industriais, medirase dende o límite das instalacións.