[21-06-2017] Durante o mes de abril de 2017, aproveitando o proceso de matrícula escolar, a Concellaría de Educación do Concello de Ames realizou dúas enquisas sobre as escolas unitarias, unha para analizar o nivel de coñecemento dos posibles usuarios/as e outra para valorar o grao de satisfacción dos usuarios e usuarias actuais. A través desta iniciativa o goberno municipal quixo dar a coñecer e informar da existencia destas escolas, aos pais e nais con fillos e fillas con idades escolares comprendidas entre 3 e 6 anos. Cómpre recordar que no concello de Ames actualmente existen dúas escolas unitarias, a escola da Igrexa e Ortoño e a escola de Covas. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o resultado das devanditas enquisas.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explicou que “esta iniciativa levouse a cabo atendendo ao debate que existe no ámbito educativo sobre a existencia das escolas unitarias. Dende o goberno municipal de Ames apostamos pola continuidade das escolas unitarias, e deste xeito, lanzouse unha campaña informativa para dar a coñecer entre a veciñanza ditas escolas. Así, na escola unitaria de Ortoño cubríronse todas as vacantes e garántese a súa continuidade de cara ao vindeiro curso. A pesar de que estas escolas non teñen servizos de conciliación e transporte escolar a veciñanza segue apostando por este modelo educativo”.
A primeira das enquisas, destinada a analizar o nivel de coñecemento sobre as escolas unitarias dos posibles usuarios/as, entregóuselles ás direccións das escolas públicas infantís de Ames de 0 a 3 anos, tanto das dúas municipais, a Escola Infantil Municipal a Madalena do Milladoiro e a Escola Infantil Municipal do Bosque, como das dúas pertencentes á rede de escolas infantís A Galiña Azul da Xunta de Galicia situadas tamén en Bertamiráns e no Milladoiro. As enquisas cubríronas de xeito voluntario os pais e nais do alumnado destas catro escolas. A mostra para o primeiro estudo dividiuse en catro zonas e, en total, obtivéronse 95 cuestionarios cubertos.
Na pregunta sobre o coñecemento das escolas unitarias sitas no noso concello, a da Igrexa de Ortoño e a de Covas, destaca que o nivel de coñecemento dos enquisados é bastante baixo, xa que máis dun 63% afirmaron non coñecer este tipo de escolas fronte a un 35% que si as coñecen. A partir deste dato, vese que é importante e necesario levar a cabo unha campaña informativa para dar a coñecer este modelo de escola aos posibles futuros usuarios e usuarias.
Na pregunta sobre se ten pensado escolarizar o seu fillo/a nunha escola unitaria, reflíctese que un 83% respondeu que non, un 12% dixo que si e un 2% non contestou. A alta porcentaxe de persoas que afirmaron non estar dispostos a escolarizar nunha unitaria, obviamente está relacionada co elevado grao de descoñecemento deste modelo de escola.
Principais motivos para non escolarizar aos fillos/as nunha escola unitaria
Nunha cuestión aberta, onde se lles preguntou aos usuarios/as, por cal consideraban que era o principal motivo para non escolarizar ao seu fillo/a nunha escola unitaria, a resposta que máis se repetiu, nun 45% das enquisas, foi a distancia entre o centro e o seu propio domicilio. Esta resposta foi aínda máis habitual nos cuestionarios realizados no Milladoiro. Outra resposta frecuente, recollida no 10 % dos cuestionarios, foi a de ter outro fillo ou filla escolarizado xa noutro centro. A falta de transporte escolar, a carencia de servizo de comedor e de programas de conciliación foron tamén respostas recollidas aínda que con porcentaxes moito menores, 7%, 6% e 5% respectivamente. Por último, un 3 % afirmou que o motivo para non escolarizar nas unitarias era o descoñecemento do modelo.
Relacionado coa pregunta anterior, un 35% das persoas enquisadas amosáronnse favorables á implantación do servizo de comedor escolar na escolas unitarias de Ortoño e Covas, dado que este servizo facilitaríalles ás familias a conciliación. Porén, a implantación deste servizo non mudaría a opinión de matricular ao seu fillo/a nunha escola unitaria nun amplo 58%.
Unha das preguntas nas que se incidía no cuestionario, e na que esta Concellaría de Educación tiña especial interese en investigar, era no principal motivo que levaba aos pais e nais a matricular as crianzas nun ou noutro centro. Para isto achegóuselles unha listaxe de motivos que eles e elas tiñan que valorar cunha puntuación de 1 a 5, no que o 1 era algo moi pouco importante e o 5 algo moi importante. En xeral, entre un 50 e 60% das persoas enquisadas valoraron todas as respostas como moi importantes ou bastante importantes. O estilo de aprendizaxe autónomo e participativo considerárono moi importante nun 63% dos casos e importante nun 22%. Estes mesmos valores repetíronse practicamente nas outras respostas: o reducido número de alumnos/as, a importancia da participación das familias, a existencia de comedor escolar ou continuidade do profesorado. Chama a atención a disparidade en valorar a continuidade do profesorado, un 67% puntúana como moi importante, pero tamén hai persoas que a valoran como nada ou pouco importante.
Cuestionario a usuarios/as das escolas unitarias
Os cuestionarios da segunda enquisa entregáronse nas propias escolas unitarias e cubríronos os pais e nais de actuais usuarios/as. Con eles pretendíase coñecer a súa opinión e valorar o seu grao de satisfacción incidindo nos servizos de conciliación e comedor escolar co obxecto de coñecer a situación do servizo para poder melloralo. No que respecta ao segundo estudo, o realizado coas persoas usuarias de escolas unitarias de Ames, utilízase o total da mostra, con 23 cuestionarios respondidos.
Santomil tamén destacou a valoración positiva que teñen os usuarios/as destas escolas. “O estilo de aprendizaxe autónomo e participativo, o número reducido de alumnos de cada escola e maila proximidade do profesorado son algúns dos principais aspectos que destacaron os usuarios/as destas escolas. Ademais, das enquisas realizadas extráese que os usuarios/as destes centros non estarían interesados en dispor do servizo de comedor e Bos días cole. Non se demanda estes servizos porque hai outro perfil de usuarios/as respecto aos centros de primaria e infantil que teñen un maior numero de alumnado”.
Na primeira cuestión preguntábase directamente polo grao de satisfacción coa escola á que acudía o seu fillo/a. Ese grao de satisfacción tiñan que puntuala de 1 a 5, onde o 1 era pouco satisfeito e o 5 moi satisfeito. Segundo a enquisa, o grao de satisfacción é moi alto, xa que máis dun 82% afirmou estar moi satisfeito e o 17% restante respondeu estar bastante satisfeito.
Nesta pregunta ofrecíanse unha serie de respostas para que as valorasen cunha puntuación de 1 a 5, no que o 1 era algo moi pouco importante e o 5 algo moi importante. O reducido número de alumnos e as relacións de proximidade e de cooperación foron as respostas que maior puntuación acadaron. Cunha valoración moi próxima a estas tamén destacan a aprendizaxe autónoma e a participación das familias. Curiosamente o que é considerado como menos importante pola maioría das familias é a existencia de comedor escolar. Cando preguntamos cal sería o seu nivel de interese en que se implantase un comedor escolar na unitaria a cal acode o seu fillo/a, un 52% afirma non estar interesados/as fronte un 43% que se amosa favorables á incorporación deste servizo.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Satisfacción entre o 82% dos amesáns polas escolas"
La Voz de Galicia: "El 82 % de los usuarios están muy satisfechos con las unitarias de Ortoño y Covas, en Ames"




