[19-03-2018] O pasado mércores, 7 de marzo, remataba o taller para deixar de fumar, que se viña desenvolvendo desde o 31 de xaneiro no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, os mércores, en horario de 16:00h a 17:00 horas. Impartido pola psicóloga da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), Aroa Gutiérrez Martín, o taller estivo dirixido a ofrecer ás persoas participantes unha serie de estratexias orientadas a romper co consumo de tabaco. A iniciativa contou coa participación de oito persoas, das cales cinco deixaron de fumar e tres reduciron considerablemente o seu consumo. O taller estivo organizado polo Concello de Ames en colaboración coa AECC.
O taller para deixar de fumar tivo como obxectivo pór a disposición das persoas asistentes unha serie de estratexias dirixidas a deixar o tabaco, facendo fincapé no feito de que fumar é unha conduta aprendida e que, polo tanto, pode ser controlada e modificada. A psicóloga da AECC, Aroa Gutiérrez, foi a encargada de guiar ás oito persoas participantes cara ao consumo cero de tabaco. O taller, que se desenvolveu ao longo de seis sesións, celebrouse os mércores, entre o 31 de xaneiro e o 7 de marzo, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns en horario de 16:00h a 17:00 horas.
A realización dunha avaliación persoal vinculada ao consumo de tabaco de cada participante foi a actuación que deu inicio ao taller. Desde ese momento, cada persoa debeu reducir semanalmente nun 30% o número de cigarros consumidos, ata alcanzar o Día D de consumo cero. Deste xeito, as primeiras sesións estiveron enfocadas á abordaxe de diferentes estratexias orientadas a combater os síntomas da dependencia, exteriorizados en forma de ansiedade ou en estados anímicos baixos.
Após o Día D, as sesións estiveron enfocadas á prevención das recaídas, tentando detectar aquelas situacións nas que estas se podían producir e estudando as diferentes estratexias a adoptar nestes casos. Así mesmo, nestas últimas sesións tamén se puxo o foco na diferencia entre unha caída e unha recaída, un aspecto fundamental á hora de abandonar o consumo de tabaco.
En xaneiro, comezaron o taller trece persoas, das cales oito asistiron á totalidade das sesións. Destas oito persoas participantes, cinco deixaron de fumar e tres reduciron considerablemente o seu consumo. Nos próximos meses, realizaranse tres sesións máis de seguimento: unha aos tres meses, outra aos seis e unha última ao ano.
A inscrición neste taller foi gratuíta, porén as persoas participantes tiveron que facer un depósito de 60 euros á Asociación Española contra o Cancro (AECC). O diñeiro foi devolto unha vez comprobada a asistencia das persoas inscritas á totalidade das sesións. Malia isto, algunhas persoa decidiron non recoller a “fianza” e entregar o depósito como donativo á AECC. O taller estivo organizado polo Concello de Ames en colaboración con esta asociación.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El taller amiense para dejar de fumar tuvo un éxito del 63 %"
Compostela 24 horas: "El 63% de las personas participantes acabaron satisfactoriamente el taller para dejar de fumar organizado por el Concello de Ames en colaboración con AECC"




