Pestanas principais

O 50% do alumnado da Escola Municipal de Adultos obtivo o título de ensino secundario

Martes, 02 de outubro de 2012

[02-10-2012] O curso 2011-2012 da Escola Municipal de Adultos chegou ao seu fin cuns resultados moi positivos xa que o 50% do alumnado obtivo o título de ensino secundario. Durante o curso pasado un total de 35 persoas participaron neste curso que ofrece formación para obter o título de ensino secundario. O 50% do alumnado restante aprobou algún dos ámbitos nos que se examinaron. Uns 5 alumnos continuarán os estudos e xa están matriculados nun ciclo de formación profesional. En xuño obtiveron o título da ESO o 45% do alumnado, o resto do alumnado tivo que presentarse as probas de setembro. Este proxecto educativo levouse a cabo coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A Escola Municipal de Adultos axúdalles ás persoas maiores de dezaoito anos do concello a obter o título de educación secundaria preparando os exames necesarios. As clases deste servizo, que está impulsado pola Concellaría de Educación, son impartidas nunha das aulas do Centro de Formación e Servizos Múltiples do Concello en Aldea Nova.

Durante o curso 2011-2012 un total de 35 alumnos/as estiveron matriculados neste servizo. Estas persoas, ben mediante os diversos módulos que conteñen toda a materia necesaria para superar a ESO ou ben preparando directamente o exame libre final, intentaron obter o título de educación secundaria. O curso pasado os exames libres adiantáronse ao mes de abril e isto prexudicou a moitos dos alumnos/as que acababan de incorporarse ao curso. A pesar diso os resultados de aprobados foron moi positivos xa que o 50% do alumnado obtivo o título de ensino secundario.

O 50% do alumnado restante aprobou algún dos ámbitos nos que se examinaron. Uns 5 alumnos continuarán os estudos e xa están matriculados nun ciclo de formación profesional. En xuño obtiveron o título da ESO o 45% do alumnado, o resto do alumnado tivo que presentarse as probas de setembro. Este proxecto educativo levouse a cabo coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.


A matrícula está aberta todo o ano

O prazo de matrícula para asistir á Escola Municipal de Adultos permanece aberto ao longo de todo o ano, polo tanto poden apuntarse aquelas persoas que só desexen realizar o exame final no IES San Clemente de Santiago de Compostela, malia que é recomendable a asistencia ás aulas para ter maiores garantías de aprobar.

O curso está dividido en dous cuadrimestres, e dentro destes hai catro módulos equivalentes aos catro cursos que configuran a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Cada un dos módulos inclúe Comunicación (galego, castelán, terceiro idioma), Sociais e Científico-tecnolóxico.

A educación que ofrece a Escola Municipal de Adultos baséase principalmente na autoaprendizaxe en función das experiencias propias, as necesidades e os intereses do alumnado e é un ensino presencial. Con esta iniciativa, e máis en tempo de crise, ofrécese a oportunidade a un grande número de persoas de melloraren o seu currículum e contar así con maior formación e posibilidades desde o punto de vista laboral.

Novas inscricións

As clases impártense nunha aula do Centro de Formación e Servizos Múltiples do Concello en Aldea Nova ao longo da semana laboral en horario de 18:00 h a 21:00 horas. Á hora de organizar os cursos académicos, tense en conta o perfil de cada alumno/a e valóranse factores que van desde a idade á formación inicial, dispoñibilidade persoal de asistencia ou a procedencia da persoa. Existe, ademais, un servizo de titoría clave á hora de preparar as probas finais. As clases presenciais do próximo curso comezarán a mediados do mes de outubro.

Todos os veciños e todas as veciñas de Ames maiores de 18 anos que desexen obter o Título de Graduado en Educación Secundaria, poden matricularse para o próximo curso 2012-13 no departamento de Educación, situado na praza do Concello en Bertamiráns e nas Oficinas Municipais do Milladoiro, na rúa de Abaixo, número 10. Ante calquera dúbida poden chamar por teléfono ao departamento de Educación a través do número 981 891 476. Ata o de agora xa hai 20 solicitudes presentadas para participar na próxima edición da Escola Municipal de Adultos.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "O 50% do alumnado da Escola Municipal de Adultos obtivo o título de ensino secundario"