Pestanas principais

O 5 de setembro comeza o prazo para renovar praza nas escolas deportivas e obradoiros culturais

Sábado, 03 de setembro de 2011

[03-09-2011] Todos e todas os que desexen practicar deporte ou participar nalgunha actividade cultural poden xa comezar a anotarse no programa de obradoiros culturais e escolas deportivas para o curso 2011-2012. O prazo para renovar a praza, para as persoas xa inscritas no pasado curso, ábrese o 5 de setembro e prolongarase ata o día 9 do mesmo mes. A renovación da praza pódese facer por vía telemática, nun banner que a partir do luns estará colocado na web municipal, ou de xeito presencial na oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns, situada no Pazo da Peregrina, e na Casa da Cultura do Milladoiro. O segundo prazo de matrícula, para prazas libres e grupos de nova creación, irá dende o 14 ata o 20 de setembro.

Aeróbic, ximnasia de mantemento, baloncesto, natación, actividade física para discapacitados, pilates, obradoiros de teatro, xadrez ou manualidades son algunhas das actividades que se desenvolverán ao longo do curso 2011 - 2012 dentro do programa das escolas deportivas e obradoiros culturais. O deporte e os obradoiros culturais son unha boa forma de desenvolver unha vida saudable e adquirir valores tan importantes como a deportividade, o respecto e a tolerancia. Por este motivo, o Concello de Ames aposta polo desenvolvemento destas actividades que sempre acadan uns resultados moi positivos de participación.

As actividades deportivas ofertadas polo Concello de Ames caracterízanse pola súa diversidade e por estar pensadas para todos os grupos de idade. Así, neste curso 2011- 2012, os e as amienses poderán gozar de seis obradoiros como son o de baile de salón, manualidades, teatro, xadrez, baile e música tradicional. A esta oferta hai que engadirlle as actividades propias das escolas deportivas como son aeróbic, ximnasia de mantemento, baloncesto, natación, , predeporte, actividade física para discapacitados, pilates, tenis de mesa, spinning, patinaxe e tenis.

O programa de actividade física para discapacitados/as é gratuíto e non dispón de límite de prazas. En total son case 20 actividades das que todos e todas as amienses, de todas as idades, se poderán beneficiar. Entre os obradoiros culturais e as escolas deportivas ofértanse arredor de 1.700 prazas.

Primeiro prazo de inscrición

Hai dous prazos para poder formalizar a matrícula nas actividades que se enmarcan dentro deste programa cultural e deportivo. Todas aquelas persoas que xa estiveron inscritas no curso 2010-2011 poden renovar a súa praza do 5 ao 9 de setembro. Para formalizar a matrícula, deberase acudir á Casa da Cultura do Milladoiro ou ao Pazo da Peregrina en Bertamiráns, en horario de 9:00 h. a 14:00 horas. Ademais, os días 5 e 6 de setembro tamén se atenderán as inscricións en horario de tarde, das 16:00 h. ás 18:00 horas, para maior comodidade da veciñanza amiense.

Ademais, poderase confirmar a praza vía telemática premendo nun banner que estará situado na páxina principal da web municipal a partir das 9:00 horas do luns 5 de setembro. A vía telemática estará dispoñible ata ás 14:00 horas do 9 de setembro. Todas as inscricións realizadas fóra de prazo non serán tidas en conta. Os usuarios/as que opten por esta vía tamén teñen que entregar o xustificante de pagamento persoalmente ou por correo electrónico (administracion.cultura@concellodeames.org ou deportes@concellodeames.org) dentro deste mesmo prazo (do 5 ao 9 de setembro).

Cómpre recordar que non se considerarán inscritos no curso anterior aqueles alumnos e alumnas que tramitaran a baixa da actividade. Por outra banda, o Concello non garante que o grupo e o horario da actividade escollida para este curso coincida co do ano anterior. De todos os xeitos, reservaranse as prazas nas actividades do curso anterior incorporándose, se é posible, no mesmo grupo ao que pertencían ou nun novo grupo que lle corresponda por ano de nacemento.

Segundo prazo de inscrición

Para as prazas libres e grupos de nova creación, o segundo prazo de inscrición irá desde o 14 ata o 20 de setembro. Neste caso a matrícula haberá que facela na Casa da Cultura do Milladoiro ou no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, en horario de 9:00 h. a 14:00 horas. Os días 14 e 15 de setembro tamén se atenderán as inscricións en horario de tarde, das 16:00 h. ás 18:00 horas.

Neste segundo prazo de inscrición, se hai máis solicitudes que prazas, farase un sorteo público e nunca se adxudicarán por orde de chegada. O sorteo público realizarase o xoves 22 de setembro, ás 12:00 horas, no salón de plenos do Concello de Ames. As listaxes definitivas de admitidos/as publicaranse o venres 23 na web do concello e nos taboleiros da Casa da Cultura do Milladoiro e do Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

Como nos anos anteriores, para matricularse nas escolas deportivas e obradoiros culturais é imprescindible estar empadroado/a no Concello de Ames. Ademais, cada alumno/a só poderá inscribirse en dúas escolas deportivas e dous obradoiros culturais como máximo, sempre que non coincidan horarios. As clases, segundo o previsto, arrancarán a semana do luns 3 de outubro e finalizarán o 31 de maio de 2012.

Forma de pagamento

Á hora de inscribirse é necesario achegar os datos persoais do inscrito/a, e, no caso dos menores de idade, tamén do titor ou titora. Unha vez que se obteña praza na actividade, haberá que realizar o ingreso do importe total da cota que custa a actividade e entregar o xustificante de pagamento nos locais de inscrición ou envialo por correo electrónico dentro dos prazos estipulados. As persoas que se inscriban no primeiro prazo deben de entregar o impreso de pagamento no mesmo momento no que se efectúe a matrícula. Mentres que as persoas que se inscriban durante o segundo prazo deben de entregar o xustificante de pagamento entre do 26 ao 29 de setembro, unha vez que obteñan praza no sorteo público.

Ademais, para incrementar a participación, o Concello de Ames ofrece descontos nos prezos dalgunhas actividades polo segundo e o terceiro membro menor de 18 anos que se matricule. Para obter máis información podes consultar o programa en PDF que se atopa na ligazón que está na marxe dereita baixo o epígrafe de "descargas".