[28-03-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística e Comunicación, convoca este ano a décimo quinta edición do Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía. Nel poderán participar todas aquelas persoas que presenten textos inéditos escritos en lingua galega. O prazo para enviar os textos remata o vindeiro martes, 3 de abril. En cada modalidade do certame haberá tres categorías e, en cada categoría, tres premios. No total, repartiranse preto de 3.000 euros. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases do Certame Literario e a ficha de participación.

O Certame Literario Concello de Ames é hoxe un dos concursos de referencia dentro do ámbito poético e narrativo galego, o que se reflicte no elevado numero de textos que anualmente son presentados, recibíndose nas catorce edicións anteriores máis de 1.500 traballos. O Certame, que está dirixido a todas e todos os amantes da literatura, supón unha boa oportunidade para aquelas creadoras e creadores que desexen pór en práctica a súa capacidade creativa. O obxectivo da súa convocatoria é, polo tanto, impulsar a creación literaria en galego e difundir a cultura propia, contribuíndo deste xeito á normalización lingüística e cultural.
O Certame ten dúas modalidades, narrativa e poesía, con tres categorías cada unha delas. Así, as nenas e nenos menores de 14 anos poderán participar na primeira das categorías, mestres que as mozas e mozos de entre 14 e 17 anos poderán facelo na segunda. A terceira categoría fica reservada, desta maneira, ás persoas maiores de idade. Así mesmo, cada categoría contará con tres premios en metálico que variarán en función de cada franxa de idade. Na primeira categoría os premios terán unha contía de 150€, 120€ e 90 euros, respectivamente. Na segunda, os galardóns serán de 180€, 150€ e 120 euros. Por último, a terceira categoría entregará ás persoas gañadoras premios de 260€, 210€ e 180 euros.
O xurado, cuxa decisión se dará a coñecer publicamente o 7 de maio, será designado polo Concello de Ames entre persoas de recoñecido prestixio no ámbito cultural. Os premios serán entregados o 16 de maio, nun acto público que terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro.
O prazo para a presentación de textos remata o vindeiro 3 de abril. Desta forma, as persoas interesadas en participar deberán achegar, antes do 4 de abril, catro exemplares do texto, en folios mecanografados a unha soa cara, a dobre espazo e cun tamaño de letra 12, ao seguinte enderezo: Concello de Ames (Servizo de Normalización Lingüística), Avenida de Azcárraga, número 5, Bertamiráns, 15220, Ames, A Coruña. A extensión mínima dos textos non poderá ser menor de dúas páxinas en narrativa e de 20 versos en poesía, mentres que a máxima non deberá superar as seis páxinas en narrativa e os 50 versos en poesía. O tema é libre. Cómpre lembrar, asemade, que cada persoa poderá participar cun só texto en cada unha das modalidades.
Os textos presentaranse baixo pseudónimo
Co obxectivo de garantir o anonimato, todos os textos deberán ser presentados baixo un pseudónimo, polo que neles non deberán aparecer datos persoais nin sinaturas. Nos catro exemplares do texto só deberá figurar a modalidade (narrativa ou poesía), a categoría (1ª, 2ª ou 3ª) e o pseudónimo da autora ou autor. Os datos persoais introduciranse nun sobre pechado, no que terán que aparecer o nome e os apelidos da persoa, a súa idade, a copia do DNI, un teléfono de contacto, o seu enderezo postal e electrónico, así como a declaración responsable. A ficha de participación, que recolle todos estes datos, pode descargarse no banner do certame literario que se atopa na cabeceira da páxina web do Concello de Ames.
As persoas menores de idade participantes tamén deberán achegar, alén dos seus, os datos dunha persoa maior de idade que exerza como representante legal. Neste caso, o sobre cos datos persoais e as catro copias do texto introduciranse nun sobre máis grande, en cuxo remite terá que marcarse, de novo, a modalidade, a categoría e o pseudónimo.
Publicación dos traballos premiados
O Concello de Ames, en colaboración con Feiraco, empresa colaboradora do Certame, publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada a tal efecto. As persoas gañadoras non poderán apercibirse dos dereitos de autoría, mais serán compensadas con cinco exemplares do volume editado. Ademais, no caso de publicaren os textos pola súa conta, deberán facer referencia ao premio obtido no Certame. Os catorce libros de recopilacións publicados ata o de agora, recollen un total de 252 traballos.
Para máis información, as persoas interesadas poden chamar ao número de teléfono 662 377 215 ou enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, correspondente ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames.
Contido relacionado

Compostela 24 Horas: "Últimos días para presentar los textos del XV Certamen Literario Concello de Ames"
Ames Go: "3 de abril data tope para a entrega de traballos ao Certame Literario do Concello"




