Pestanas principais

O 29 de setembro os veciños e veciñas de Aldea Nova reciben por primeira vez a unidade móbil de doazón de sangue

Mércores, 28 de setembro de 2011

[28-09-2011] A urbanización Aldea Nova acolle este xoves 29 de setembro a unidade móbil de transfusión de sangue en horario de tarde, de tres e media a nove da noite. Por primeira vez, Aldea Nova acolle a campaña de doazón de sangue grazas ao acordo establecido entre a concelleira de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, Eugenia Martín, e a representante do Centro de Transfusións de Galicia (CTG), Pilar Sobrino. Deste xeito, o Concello de Ames incrementa o número de puntos de doazón no municipio favorecendo así o aumento de reservas de sangue para garantir o labor asistencial dos centros hospitalarios galegos.

O Concello de Ames, consciente da importancia das campañas de doazón, decidiu no mes de agosto establecer novos puntos de doazón de sangue no municipio amiense. A urbanización Aldea Nova, na parroquia de Ortoño, acolle por primeira vez a unidade móbil de transfusión este xoves, 29 de setembro, en horario de 15:30 h. a 21:00 horas. O establecemento deste punto xorde como consecuencia do traballo realizado pola Concellería de Sanidade, dirixida por Eugenia Martín, en consonancia co Centro de Transfusión de Galicia.

Ames recibe unha vez ao mes a unidade móbil de doazón de sangue. Ata o de agora, O Milladoiro e Bertamiráns, núcleos urbanos do municipio, eran os únicos lugares que acollían as campañas. Porén, froito do compromiso establecido pola Concellaría de Sanidade, incrementou o número de puntos de doazón. A urbanización Aldea Nova foi o lugar escollido para situar o terceiro punto e, tamén, está previsto que unha unidade móbil se desprace polas diferentes urbanizacións e parroquias amienses de xeito mensual.

Trala asistencia da unidade móbil de sangue nos núcleos do Milladoiro e de Bertamiráns, a campaña de doazón do mes de setembro remata este xoves en Aldea Nova. O Milladoiro recibiu a semana pasada, durante dous días, o CTG cun resultado moi positivo posto que supuxo un incremento de doazóns con respecto a meses anteriores. Efectuáronse 62 doazóns, sete delas realizadas por novos doadores. O núcleo de Bertamiráns acolleu onte a campaña de transfusión. Aínda non hai datos do nivel de participación pero o balance inicial parece ofrecer, tamén, un resultado positivo.

Uns minutos poden salvar moitas vidas. O teu sangue é vida. Compárteo.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Os veciños e veciñas de Aldea Nova reciben por primeira vez a unidade móbil de doazón de sangue"