Pestanas principais

O 20 de setembro ábrese o prazo de inscrición para o curso de viticultura

Venres, 09 de setembro de 2011

[09-09-2011] A Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) abre o prazo de inscrición para o curso de viticultura, máis coñecido como Seminario de amigos da viticultura. Todas aquelas persoas que desexen participar neste compendio de coloquios e charlas sobre o mundo do viño terán que facer a súa inscrición a partir do próximo 20 de setembro. As variedades das cepas, a elaboración deste produto, enfermidades e catas, serán entre outros, os coñecementos formativos que os e as asistentes desenvolverán ao longo do curso. Ames constituirase, deste xeito, como un municipio experto en viño.

Por noveno ano consecutivo, o Concello de Ames, a través da Oficina Municipal de Voluntariado, organiza un curso formativo no que o viño se sitúa como tema central. O Seminario de amigos da viticultura comezará o 17 de outubro e as clases terán lugar na Aula de Usos Múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro. Todos os luns, en horario de 19:00 h. a 21:00 horas, os alumnos poderán aprender as técnicas de cultivo e explotación das vides. As clases estarán realizadas, como xa vén sendo habitual, polo experto Manuel Oitavén Garrido, viticultor xubilado que, de xeito altruísta, imparte este seminario coa finalidade de que os veciños e as veciñas amienses poidan perfeccionar as súas explotacións profesionais ou domésticas ou ben iniciarse no sector vinícola.

Coa colaboración engadida de dous "alumnos avantaxados", Manuel Oitavén, terá nove meses para formar aos asistentes no relacionado coa creación dun viñedo propio. Abordaranse cuestións referidas ao mantemento dos cultivos e a saúde dos viñedos, así como, se facilitarán coñecementos vinculados coas diversas castes propias de Galicia, os marcos de plantación máis axeitados para a produción e maduración do viño, as distintas formas de guiar os bacelos e, tamén, achegará información sobre as mellores técnicas de poda que se deben aplicar.

Esta actividade sempre ten unha gran acollida por parte dos veciños e veciñas amienses. Os habitantes do rural ven, neste evento formativo, un forma excelente de aprender sobre cuestións relevantes para a produción profesional e, tamén, doméstica da vide. Deste xeito, os seus cultivos poderán desenvolverse cunha calidade maior posto que disporán de métodos para combater as pragas e consellos sobre os coidados específicos que precisan as plantas e as boas prácticas para unha correcta realización da poda.

O 20 de setembro ábrese o período de inscrición que rematará co comezo do curso o día 17 de outubro. É importante destacar que esta é unha actividade de balde que conta con 25 prazas. As persoas que queiran participar, deberán anotarse canto antes posto que se trata dun evento que goza dunha grande aceptación entre os e as amienses.

Para máis información sobre a celebración deste curso, os e as interesados/as poderán acudir persoalmente á Oficina de Voluntariado de Ames ou ben chamar ao número de teléfono 981 883 703. Resaltar tamén que neste lugar se poderá recibir información sobre outras actividades vinculadas ao voluntariado e, o máis importante, sobre os requisitos para facerse voluntario/a.