[14-09-2011] A Escola Municipal de Musica de Ames, dependente da Concellaría de Cultura, abre do 15 ao 22 de setembro o prazo para inscribirse na actividade de canto moderno. Para esta actividade ofértanse 7 prazas que están dirixidas aos rapaces e rapazas de 11 anos en diante. As prazas asignaranse nun sorteo ao que é preciso asistir. O sorteo será o 23 de setembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. A inscrición pódese realizar na oficina de Cultura e Deportes, situada no Pazo da Peregrina, en horario de 9:00 h. a 14:00 horas, e na Casa da Cultura do Milladoiro, das 9:30 h. ás 13:00 horas.
A oferta educativa da Escola Municipal de Ames (EMMA), coma sempre, estará orientada a nenos/as de 4 anos en adiante. Para os máis pequenos, que non poden comezar aínda cun instrumento musical, ofrecéselles a clase de música e movemento, que consiste nunha especie de iniciación á musica para os grupos de nenos/as que teñen de 4 a 7 anos.
Para os maiores de 7 anos, a EMMA seguirá ofrecendo as mesmas clases que se viñan desenvolvendo en cursos anteriores como é linguaxe musical (solfexo), recomendable para todos aqueles matriculados nun instrumento e as clases de combo ou conxunto instrumental de música moderna. Ademais, impartiranse clases para a práctica de diferentes instrumentos. Así, poden asistir aqueles nenos/as que desexen aprender a tocar ou mellorar a súa técnica no piano, guitarra, frauta, violín, percusión e batería ou saxofón.
Canto moderno
A estas materias súmaselle a de canto moderno na que os nenos e nenas se poden inscribir entre o 15 e o 22 de setembro. Para esta actividade ofértanse 7 prazas que están dirixidas aos rapaces e rapazas de 11 anos en diante. As prazas asignaranse nun sorteo ao que é preciso asistir. O sorteo será o 23 de setembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. A inscrición pódese realizar na oficina de Cultura e Deportes, situada no Pazo da Peregrina, en horario de 9:00 h. a 14:00 horas, e na Casa da Cultura do Milladoiro, das 9:30 h. ás 13:00 horas.
As clases da Escola Municipal de Música de Ames impártense no IES de Ames, no CEP de Ventín, no Pazo da Peregrina e na Casa da Cultura do Milladoiro onde os/as nenos/as aprenderán a tocar e mellorar a súa técnica no piano, guitarra, frauta, violín, percusión e saxofón. O horario de cada neno/a establecerao a mestra ou o mestre en función da idade e dos coñecementos de cada un deles.
A través deste servizo municipal ofréceselles aos nenos e nenas amienses, desde hai varios anos, a oportunidade de aprender a tocar un instrumentos ou continuar estudos musicais. Ademais a dirección da Escola Municipal de Música de Ames segue innovando ano tras ano e introducindo novas materias no programa educativo.
Para obter máis información poden enviar un correo electrónico á dirección escolademusica@concellodeames.org ou chamar ao número de teléfono 981 535 940.




