Pestanas principais

A nutricionista, Rosana Martínez, falará este mércores sobre a dieta saudable na quinta charla do programa “Falemos de saúde”

Martes, 30 de maio de 2017

[30-05-2017] O Concello de Ames puxo en marcha no mes de marzo o programa “Falemos de saúde”, que pretende poñer en valor o concepto de saúde e crear un espazo onde desenvolver charlas-obradoiros participativas sobre diversas doenzas femininas ou de prevalencia feminina. Este mércores, 31 de maio, continúa este programa cunha charla sobre a dieta saudable. Dita charla será impartida, ás 17:30 horas, no local do club de xubilados e pensionistas do Milladoiro (situado na rúa Figueiras), por Rosana Martínez, técnica municipal en nutrición. Este programa está composto por un total de 12 charlas-obradoiros que se desenvolverán ata final de ano.

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, anima a toda a veciñanza a asistir a esta quinta charla do programa Falemos de saúde. “Contamos con que as veciñas e veciños se sigan sumando a esta iniciativa que pretende poñer en valor o concepto de saúde e crear un espazo de diálogo e participación sobre diversas doenzas femininas ou de prevalencia feminina. Deste xeito, dáse cumprimento a unha demanda e a un dos obxectivos do terceiro plan municipal de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes presentado recentemente”.

Asemade, Luísa Feijóo indica que “coa impartición desta charla conmemoramos o día internacional de acción pola saúde das mulleres, que se celebrou o pasado domingo 28 de maio. Neste caso daranse unha serie de pautas e recomendacións para ter unha vida saudable a través dunha dieta sa e variada”.

A quinta charla deste programa impartirase este mércores, 31 de maio, ás 17:30 horas, no local do club de xubilados e pensionistas do Milladoiro (situado na rúa Figueiras). Neste caso abordarase o tema da dieta saudable. Esta charla será impartida por Rosana Martínez, técnica municipal en nutrición, que achegaralle aos participantes distintas pautas para conseguir unha dieta sa e equilibrada. Asemade, apoiando na pirámide de nutrición, falará de como inflúe na saúde comer distintos alimentos que nos achegan os nutrientes necesarios e do número de inxestas que temos que facer ao día.

O programa está composto por un total de 12 charlas-obradoiros que se desenvolverán ata final de ano. As charlas que se quedan por impartir son: defensa persoal; o alzhéimer e outras demencias; control do estrés e ansiedade; técnicas de relaxación; a menopausia; prevención de drogodependencias; corresponsabilidade e igualdade; e adicións sen sustancia.