[22-08-2012] O Concello de Ames fai balance do punto de asesoramento nutricional á cidadanía que ofrece ao longo de todo o ano a nutricionista municipal. Está a piques de comezar un novo curso escolar e dende a concellaría de Servizos Complementarios dáse conta de que esta técnico municipal atendeu a un total de 821 usuarios/as durante o último ano (dende setembro de 2011 ata agosto de 2012). Este punto de asesoramento ofrécese tanto en Bertamiráns, onde se atenderon 398 persoas, coma no Milladoiro, que rexistrou un total de 423 visitas. Ademais, a nutricionista ocúpase de elaborar os menús da Rede Municipal de Comedores Escolares, propón unhas suxestións de ceas para completar os menús escolares e atende aos nenos e nenas dos comedores con necesidades especiais, entre outras ocupacións. Esta técnico municipal atendeu 126 casos de nenos/as con necesidades especiais.
Hoxe en día existen importantes problemas de alimentación entre a cidadanía. Para solventalos o Concello de Ames dispón dunha experta en nutrición que está ao servizo da veciñanza amiense ao longo de todo o ano. Esta técnico municipal ofrece un punto de asesoramento nutricional á cidadanía en Bertamiráns e no Milladoiro. Durante o último curso (entre o mes de setembro de 2011 e agosto de 2012) este servizo tivo que atender un total de 821 visitas. Son moitos os veciños e veciñas que demandan os servizos desta experta en nutrición para controlar a súa alimentación ou solucionar algún problema específico relacionado coa nutrición como poden ser o colesterol, hipertensión, obesidade, diabetes, entre outros.
Este servizo atende tanto a usuarios fixos como ocasionais. Os usuarios fixos son persoas que acoden de forma regular ao servizo, aínda que con periodicidade distinta segundo as súas necesidades ou tratamento nutricional. Neste senso, a periodicidade depende da intervención que se faga coas persoas, ben sexa relacionada coa prevención (facendo educación nutricional) coa súa patoloxía ou coas etapas da vida determinada (embarazo, lactancia, adolescencia, terceira idade..). Os ocasionais son aqueles que acudiron algunha vez de forma puntual. Durante este ano, a nutricionista municipal atendeu a un total de 54 usuarios fixos no Milladoiro e 51 usuarios fixos en Bertamiráns.
Este servizo é demandado cada vez por máis veciños e veciñas tal e como reflicten os datos, xa que o número de visitas aumenta ano a ano. Durante o curso 2009-2010 atendéronse 603 usuarios/as, o curso 2010-2011 houbo un total de 763 visitas, mentres que durante o curso 2011-2012 atendéronse 821 persoas. O número de usuarios fixos tamén foi incrementado de forma progresiva. Dende o punto de asesoramento nutricional comezouse atendendo a 38 usuarios/as fixos no Milladoiro e 40 en Bertamiráns no curso 2009-2010. O seguinte ano acudiron a este servizo un total de 52 usuarios/as fixos no Milladoiro e 48 en Bertamiráns. Durante o pasado curso 2011-2012, continuou o incremento de usuarios/as fixos chegando aos 54 no Milladoiro e 51 en Bertamiráns.
Cómpre salientar que o servizo de orientación para unha boa alimentación está a disposición de todos/as os/as amienses en horario de 08:30 h. a 14:00 horas, os xoves na Casa da Cultura do Milladoiro e os venres no departamento de Educación do Concello en Bertamiráns. Este asesoramento está dirixido a calquera persoa que desexe controlar a súa alimentación ou solucionar algún problema específico relacionado coa nutrición. Pero non necesariamente ten que ocorrer algo fóra do normal para acudir ao nutricionista. Ao usuario pódenselle ofrecer unha serie de recomendacións para reducir o consumo de alimentos pouco saudables e mellorar a súa calidade de vida.
Funcións na Rede Municipal de Comedores Escolares
A nutricionista ocúpase de elaborar os menús da Rede Municipal de Comedores Escolares, propón unhas suxestións de ceas para completar os menús escolares, atende os nenos e nenas dos comedores con necesidades especiais, elabora fichas individuais de todos aqueles nenos e nenas con tratamento específico e préstalle unha especial atención nutricional a todos os usuarios/as do comedores que sofren alerxias alimentarias (ao peixe, ovo, marisco, carnes vermellas, leite, aves, froitos secos, legumes, hortalizas, froitas e látex) intolerancias alimentarias (á lactosa, glute, ovo, legumes, froitas...) metabolopatías, refluxo gastroesofáxico, hipertensión, hiperuricemia, hipercolesterolemia, dermatite atópica, flatulencia, control de peso e enfermidade de Crohn. Durante o pasado curso escolar 2011-2012 un total de 1.058 nenos e nenas fixeron uso do comedor escolar, dos cales 99 necesitaron tratamento especial.
Por outra banda, esta técnico municipal tamén se ocupa da elaboración semanal dos almorzos e merendas que se serven nos programas de conciliación Bos días e Tardes divertidas, así como da elaboración das pautas de tratamento de todos aqueles nenos con alerxias ou intolerancias. O curso pasado 18 nenos/as que acudiron ao servizo Bos días necesitaron tratamento especial, mentres que 9 usuarios/as de Tardes divertidas tamén seguiron un tratamento especial. Outra das súas funcións é elaborar os menús das Escolas Infantís O Bosque e A Madalena e adaptar estes menús aos distintos tratamentos especiais dos nenos/as que fan uso deste servizo.
Coas mans na masa
Ademais, a nutricionista ten o seu oco na páxina web municipal na sección de avisos, baixo o título "Coas mans na masa". Tralo descanso estival no que non se ofreceu este servizo por descanso do persoal, coa chegada do mes de setembro a cidadanía amiense xa pode volver a consultar o menú saudable que se publica na web municipal. Na radio, todos os martes, explica a elaboración do menú e as pautas ou recomendacións nutricionais relacionadas co tema da semana proposto. A través desta actividade preténdese informar ás familias para que a cidadanía en xeral adquira hábitos alimenticios saudables.
Por último hai que salientar que esta especialista realiza diferentes obradoiros e participan en varias charlas e xornadas para concienciar á veciñanza amiense dos problemas de alimentación existentes na sociedade e ensinarlles a evitar estes males. Durante o pasado ano esta técnico municipal participou como poñente nas xornadas informativas para profesores na USC sobre alerxia a alimentos e alerxia a látex na escola; estivo como poñente nas xornadas de formación de técnicos de fútbol base para falar da nutrición durante a competición; e participou como poñente nas xornadas de formación en prevención, tratamento e asistencia dos casos de alerxia e intolerancia a alimentos na idade escolar dirixido a monitores e persoal de cociña. Ademais, impartiu dúas charlas; a primeira“Alimentación saudable” estivo dirixida aos nenos/as de 6º de primaria e a segunda “Alimentación na idade escolar” foi organizada pola ANPA Millapeques e estivo dirixida a pais e nais.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "A nutricionista municipal atendeu 821 usuarios/as durante o último ano"




