Pestanas principais

A nutricionista municipal atendeu 763 usuarios/as no que vai de ano

Sábado, 24 de setembro de 2011

[24-09-2011] Hoxe en día existen importantes problemas de alimentación entre a cidadanía. Para solucionalos, o Concello de Ames pon unha experta en nutrición ao servizo da veciñanza amiense. Ela ofrece un punto de asesoramento nutricional á cidadanía en Bertamiráns e outro no Milladoiro, elabora os menús da Rede Municipal de Comedores Escolares, propón unhas suxestións de ceas para completar os menús escolares, atende os nenos e nenas dos comedores con necesidades especiais e elabora un menú saudable, que se publica semanalmente na web municipal, e do que fala todos os martes na radio. Tamén forma os e as amienses a través de diversos obradoiros sobre a alimentación.

No que levamos de ano, este servizo tivo que atender un total de 763 visitas. Son moitos os veciños e veciñas que demandan os servizos desta experta en nutrición para controlar a súa alimentación ou solucionar algún problema específico relacionado coa nutrición como poden ser o colesterol, hipertensión, obesidade, diabetes, entre outros.

Este servizo atende tanto a usuarios fixos como ocasionais. Os usuarios fixos son persoas que acoden de forma regular ao servizo, aínda que con periodicidade distinta segundo as súas necesidades ou tratamento nutricional. Neste senso, a periodicidade depende da intervención que se faga coas persoas, ben sexa relacionada coa prevención (facendo educación nutricional) coa súa patoloxía ou coas etapas da vida determinada (embarazo, lactancia, adolescencia, terceira idade..). Os ocasionais son aqueles que acudiron algunha vez de forma puntual. Durante este ano, a nutricionista municipal atendeu a un total de 52 usuarios fixos no Milladoiro e 48 usuarios fixos en Bertamiráns.

Cómpre salientar que o servizo de orientación para unha boa alimentación está a disposición de todos/as os/as amienses en horario de 08:30 h. a 14:00 horas, os xoves na Casa da Cultura do Milladoiro e os venres no departamento de Educación do Concello en Bertamiráns. Este asesoramento está dirixido a calquera persoa que desexe controlar a súa alimentación ou solucionar algún problema específico relacionado coa nutrición. Pero non necesariamente ten que ocorrer algo fóra do normal para acudir ao nutricionista. Ao usuario pódenselle ofrecer unha serie de recomendacións para reducir o consumo de alimentos pouco saudables e mellorar a súa calidade de vida.

Coas mans na masa
A nutricionista do Concello de Ames tamén ten o seu oco na páxina web municipal na sección de avisos, baixo o título "Coas mans na masa". Tralo descanso estival no que non se ofreceu este servizo por descanso do persoal, coa chegada do mes de setembro a cidadanía amiense xa pode volver a consultar o menú saudable que se publica na web municipal. Ademais, este ano comezaron a colgarse tamén os menús cos almorzos e as merendas que se serven nos programas dos Bos días e as Tardes divertidas.

A día de hoxe, esta información é un punto de referencia e de consulta da que pode gozar toda a poboación amiense e calquera outra persoa interesada no programa. O menú renóvase cada semana; "puré de cenoria, de segundo troita en papillote con ensalada de tomate, e de sobremesa melón" é un exemplo do menú posto pola nosa nutricionista esta semana na web dirixido ás mulleres con menopausa. Todos os pratos son de fácil elaboración e con ingredientes accesibles e doados de atopar. Na radio, todos os martes, explica a elaboración do menú e as pautas ou recomendacións nutricionais relacionadas co tema da semana proposto. A través desta actividade preténdese informar ás familias para que a cidadanía en xeral adquira hábitos alimenticios saudables.

Servizos complementarios
A especialista municipal en nutrición tamén traballa da man coa coordinadora da Rede Municipal de Comedores Escolares. Cómpre sinalar que a elaboración dos menús que se serven nos comedores municipais faise semanalmente de xeito que non se repiten e á vez empréganse ao máximo os produtos de tempada ofrecidos puntualmente polo proxecto Lentura deste Concello. Durante o curso 2010-11, os usuarios e usuarias fixos da Rede Municipal de Comedores foron 983 nenos e nenas de 3 a 12 anos de idade, dos que 87 foron tratamentos especiais, nenos e nenas aos que a nutricionista dedica a maior parte do seu tempo e labor.

Durante este curso 2011-12, a Rede Municipal de Comedores Escolares atende a máis de 1.000 usuarios e usuarias. Concretamente son un total de 1.112 alumnos/as os que empregan o servizo de comedor que se ofrece nos centros de ensino do CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, EEI Milladoiro, CEP de Ventín e CEIP de Barouta. Ao mesmo tempo que aumenta o número de usuarios tamén incrementa os de tratamentos especiais. Así, un total de 99 nenos/as precisan un tratamento especial debido a algunha enfermidade, alerxia ou intolerancia. Estes alumnos/as sempre deben presentar un informe médico que xustifique ese tratamento especial.

Ademais, a nutricionista municipal tamén realiza un control dos menús das escolas infantís municipais, A Madalena no Milladoiro e O Bosque en Bertamiráns, onde se atende arredor de 210 nenos e nenas de 0 a 3 anos. Ao mesmo tempo os servizos complementarios Bos Días Cole e Tardes Divertidas tamén requiren a atención da nutricionista, que atende as necesidades especiais dos almorzos e merendas e supervisa os menús ofrecidos polas empresas de monitores adxudicatarias destes servizos. Deste xeito, 18 nenos e nenas de Bos Días Cole e 9 nenos/as de Tardes Divertidas dispoñen dun almorzo e merenda supervisada.

Por último hai que salientar que esta especialista realiza diferentes obradoiros para concienciar á veciñanza amiense dos problemas de alimentación existentes na sociedade e ensinarlles a evitar estes males. No que vai de ano leváronse a cabo varios obradoiros entre os que podemos destacar dúas charlas dirixidas a solventar os trastornos da conduta alimentaria na adolescencia e sobre alimentación na idade escolar. Ambos os dous obradoiros estiveron dirixidos aos pais e nais amienses.