[21-08-2018] Ames estará representado na final do Mundial sub-20 feminino que enfrontará ás seleccións de España e Xapón o próximo venres no Stade de la Rabine, na localidade francesa de Vannes. A xogadora amesá do Real Club Deportivo da Coruña SAD, Nuria Rábano, forma parte da convocatoria nacional que, dende principios de mes, está a disputar o torneo en Francia. Logo de conseguir o Europeo sub-19 o pasado ano, Nuria ten a oportunidade de seguir facendo historia e contribuir a que España acade por primeira vez o Mundial nesta categoría.
A selección española sub-20 deu onte un paso máis para intentar, por primeira vez na súa historia, gañar o Mundial de fútbol. As rapazas de Pedro López derrotaron á anfitriona Francia por un axustado 0-1, logo de xogar en inferioridade a última media hora de partido e, incluso, deter un penalti no tramo final do partido. A xogadora amesá, Nuria Rábano, forma parte da convocatoria dunha xeración de rapazas que está a conseguir grandes resultados nos últimos anos.
Pese a non formar parte do once inicial, Nuria Rábano tivo ocasión de disputar os seus primeiros minutos no Mundial no último partido da fase de grupos que enfrontou a España contra EEUU. Un partido que rematou co resultado de 2-2 e que, logo da victoria conseguida fronte a Xapón na xornada anterior, amosaba o potencial da selección nacional pasando como primeira dun grupo no que estaban ás dúas grandes favoritas para levantar o trofeo. De feito, a selección nipoa será a rival de España na final do próximo venres.
A boa tempada da futbolista amesá no Real Club Deportivo da Coruña SAD, Nuria Rábano, non pasou desapercibida para o seleccionador nacional Pedro López, gran coñecedor desta xeración de futbolistas, coas que está a traballar desde o ano 2015. Aos seus 19 anos, Nuria é xa un referente nas convocatorias a nivel nacional e segue a medrar como futbolista nas filas do club herculino.




