Pestanas principais

Nuria Rábano e Nadia Iglesias serán as relatoras do vídeo fórum de deporte e xénero Conquista os elementos

Xoves, 19 de abril de 2018

[19-04-2018] Este sábado, 21 de abril, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a celebración dun vídeo fórum centrado no deporte practicado por mulleres. Baixo o nome “Conquista os elementos”, a iniciativa preséntase co subtítulo “O deporte, tamén en feminino”. Na primeira parte do evento proxectarase o documental “Contra os elementos”, producido pola Deputación da Coruña, para a continuación dar pasa aos relatorios a cargo das deportistas amesás Nuria Rábano e Nadia Iglesias. O evento, que está organizado pola Deputación provincial en colaboración co Concello de Ames, comezará ás 11:00 horas e será aberto ao público ata completar aforo.

O vídeo fórum “Conquista os elementos” desenvolverase este sábado, 21 de abril, na Casa da Cultura do Milladoiro. O evento, que estará centrado no deporte feminino, será presentado ás 11:00 horas polo alcalde de Ames, José Miñones, pola concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e por unha persoa representante da Deputación da Coruña.

Unha vez finalizada a presentación, procederase á proxección do documental “Contra os elementos”, producido pola Deputación provincial. A intención deste documental é visualizar o deporte feminino na provincia da Coruña, amosando a realidade de varias deportistas galegas. Así mesmo, “Contra os elementos” busca reivindicar a proxección internacional destas deportistas, ao tempo que apoia os deportes minoritarios e de base, axuda a crear iconas femininas que sexan referentes para o fomento da práctica deportiva e racha cos diferentes estereotipos de xénero existentes no ámbito deportivo e na sociedade en xeral.

Entre as 12:00h e as 12:30 horas, desenvolveranse os relatorios das deportistas amesás Nuria Rábano e Nadia Iglesias. A primeira delas, a futbolista Nuria Rábano, iniciouse no fútbol nun equipo mixto do Milladoiro. Actualmente, é unha das xogadoras fixas nas seleccións galega e española en categorías inferiores, acadando o Campionato de Europa coa selección SUB 19 o ano pasado cando xa militaba no RC Deportivo da Coruña, co que xoga na Segunda División Nacional.

Nadia Iglesias, pola súa banda, é desde hai anos unha das patinadoras con maior proxección cara o futuro tanto a nivel estatal como internacional. Hoxe en día, Nadia Iglesias é a campioa galega, española e europea da categoría júnior, tendo acadado a terceira posición no último campionato do mundo. Na actualidade, patina no CPA Maxia.

Por último, deixaranse 30 minutos para que as persoas asistentes poidan formular preguntas ás dúas relatoras. O acto está organizado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Ames. A súa entrada é de balde ata completar aforo. 


Contido relacionado


Lindeiros: "Ames organiza Conquistando os elementos, un video fórum sobre deporte e xénero"