- Tematica
A aula CeMIT, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, amplía a súa oferta formativa e organiza novos cursos en materia de habilidades dixitais para adultos de cara aos meses de novembro e decembro. Ofértanse un total de 14 prazas para cada un dos novos cursos, e para poder participar é necesario estar dado de alta na rede do CEMIT. Para os máis cativos, as formacións continúan ata decembro con cursos de informática para nenos/as e mecanografía para rapaces e rapazas.
O primeiro dos cursos ofertados é o de Deseño e Impresión 3D, que se imparte os luns e mércores de 17.15 a 18.45 horas, dende o 19 de outubro ata o 11 de novembro. Con este curso pódese aprender a materializar obxectos creados no ordenador. Modelaranse pequenos obxectos tridimensionais con ferramentas web accesibles, descubriranse recursos útiles dentro deste ámbito, e poderase aprender as base da impresión 3D.
De cara vindeiras datas sinaladas como o Black Friday e as ofertas de Nadal, do 16 ao 25 de novembro, poñerase en marcha un curso de Compras seguras a través de Internet. Este será no mesmo horario que o anterior, os luns e os mércores de 17.15 a 18.45. Abordarase o proceso completo dunha boa compra: busca da mellor oferta, métodos de pago, proceso postvenda, dereitos do consumidor e posible devolución do produto.
Por último, do 1 de decembro ao 18 de marzo poderase asistir os martes e os xoves de 10.00 a 12.00 horas, a un curso de Iniciación en Internet. Este é axeitado para aquelas persoas que xa están familiarizadas co manexo do equipo informático, preferiblemente para aqueles que xa teñan realizado algún outro curso de iniciación á informática previamente. Aquí aprenderase como funcionan os navegadores da Internet; acceder á páxinas web e servizos de todo tipo; facer buscas de información, imaxes ou noticias; e manexar plataformas multimedia e medios de comunicación.
Cursos para menores
Ademais, na actualidade estase impartindo o curso de informática para nenos/as de 7 a 10 anos (nivel básico) ata o 15 de decembro; e o curso de mecanografía para rapaces e rapazas de 7 a 10 anos e de 10 a 14 anos, que se imparte ata o 17 de decembro. A formación en mecanografía é idónea para que a rapazada comece a adquirir soltura e práctica na escritura co ordenador.
Horarios e acceso á Aula
O horario de acceso á aula CeMIT é de luns a venres, desde as 9.05 ata as 12.55 horas, e de luns a xoves, de 16.35 a 18.55 horas (excepto durante a realización dos cursos).
As inscricións poden facerse de xeito presencial ou telemático, escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou premendo nesta ligazón. Tamén se poden seguir as redes sociais da Aula CeMIT de Ames para coñecer a última hora da aula e estar sempre informado das súas actividades: Facebook, Instagram e YouTube. Para calquera dúbida, tamén se pode chamar ao 682 373 753.






