[26-12-2012] A mostra Ilusións Ópticas, unha das actividades máis novidosas que se inclúen este ano dentro da programación da campaña de Nadal do Concello de Ames, pode visitarse desde hoxe mesmo no Milladoiro. A exposición, organizada pola Concellaría de Promoción Económica, está aberta ao público no local número 1 da rúa Viorneira, cedido por José Manuel Fernández, presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Boulebar. Neste lugar, a mostra poderá visitarse ata o 4 de xaneiro (excepto os días 31 de decembro e o 1 de xaneiro) en horario de mañá, de 10:00 a 13:00 horas, e de tarde, de 17:00 a 21:00 horas.
Éxito en Bertamiráns
A exposición Ilusións Ópticas chega a Milladoiro tras estar aberta ao público entre o 17 e o 23 de decembro no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Neste tempo, visitaron a mostra en horario de mañá un milleiro de escolares de Educación Primaria. Pola tarde, foi a quenda do público xeral, que puido gozar das máis de 50 ilusións ópticas que compoñen esta novidosa iniciativa. En total, en toda a semana pasaron pola mostra en Bertamiráns máis de 1.000 escolares e 650 persoas nos horarios de público xeral.
A mostra forma parte dunha completa campaña que leva como lema 'Este Nadal Ames regala ilusión' e que pretende atraer público e incentivar as compras no sector comercial amiense. É a primeira vez que se fai unha mostra deste tipo en Galicia. A exposición, que está creada polo Mago Romarís, conta con máis de 50 ilusións: xogos de percepcións, de perspectivas, unha billa de auga sen tubos ou moedas que aparentemente se poden tocar.
Esta exposición conta coa presenza de profesionais da maxia que, interactuando co público, explícanlle as diferentes percepcións e trucos de ilusión durante as visitas guiadas que duran arredor de 45 minutos. É a primeira vez que se fai unha mostra deste tipo en Galicia. A exposición, que está creada polo Mago Romarís, está composta de máis de 50 ilusións. Todos aqueles amienses que queiran gozar destas ilusións ópticas baseadas na fantasía e na percepción poden facelo presentando un ticket de compra de calquera establecemento comercial de Ames por importe de 10 euros. En caso de non presentar o recibo de compra deberán abonar 2 euros na entrada. Estes importes permiten o acceso dunha persoa adulta ou de dous nenos/as de ata 12 anos.
A inauguración da mostra contou esta mañá coa asistencia do alcalde de Ames, Santiago Amor, e do concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar. Ademais, asistiron o presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Boulebar, José Manuel Fernández; a presidenta da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro (AEMI), Dolores Mella, e o presidente da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, Juan Carlos Zaera.
Tras a inauguración, o rexedor explicou que esta campaña “busca conxugar o comercio e a ilusión dos nenos e nenas coas festas do Nadal e o consumo en Ames”. O alcalde coincidiu co concelleiro de Promoción Económica en subliñar que a intención do Concello de Ames “é facer partícipes aos nenos e nenas na campaña de Nadal, xa que son os principais protagonistas destas festas”. “A través desta iniciativa o que se intenta é xerar ilusión entre as familias amienses”, engadiron.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "La exposición de Ilusións Ópticas llega a Milladoiro"
El Correo Gallego: "A exposición Ilusións Ópticas xa pode visitarse no Milladoiro"




