Pestanas principais

A novena edición da Feira do Comercio Val da Maía celebrarase no Milladoiro os días 15, 16 e 17 de marzo

Mércores, 06 de febreiro de 2013

[06-02-2013] A Feira do Comercio Val da Maía celebrará este ano a súa novena edición. A cita terá lugar os días 15, 16 e 17 de marzo no Pavillón Polideportivo do Milladoiro e estará organizada, co apoio do Concello, pola Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro (AEMI) que contará coa colaboración das outras tres asociacións empresariais amienses: a Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar; a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB) e a Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novo Milladoiro.

Nos últimos días, AEMI presentou no Rexistro do Concello a solicitude para o uso do Pavillón Polideportivo e a convocatoria dunha mesa de comercio local para tratar as cuestións organizativas deste evento. Para participar nesta cita comercial de Ames non é necesario estar asociado, xa que pode tomar parte calquera empresa radicada no termo municipal de Ames. O empresariado interesado en participar debe poñerse en contacto coa presidenta de AEMI, Dolores Mella Paderne, a través do teléfono 650 021 923 ou do correo electrónico mayzuhogar@gmail.com

O concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, subliñou que este ano a cita comercial celebrarase no Milladoiro “co obxectivo de cumprir o compromiso do Concello de alternar os dous núcleos urbanos de Ames como lugares de celebración dos eventos de especial relevancia no calendario do municipio”.

Bernardo Moar tamén fai fincapé na relevancia que ten esta colaboración e traballo conxunto entre todas as asociacións na actual situación económica. Nesta mesma liña, o concelleiro subliña a “importancia de colaborar e facer un esforzo entre todos e todas para conseguir a dinamización do comercio amiense”.

Nese mesmo fin de semana, máis concretamente o sábado 16 de marzo, terá lugar no centro comercial NovoMilladoiro, situado nas inmediacións do Pavillón do Milladoiro, o sorteo da campaña de fomento do comercio, Merca en Ames, sairás gañando, posta en marcha polas catro asociacións de comerciantes. Esta campaña inclúe o sorteo dun coche eléctrico e de numerosos electrodomésticos (entre os que se atopan unha pantalla de plasma, un aspirador ou un microondas) a través dos boletos de participación que se poden conseguir ao realizar calquera compra nos establecementos asociados.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "A IX Feira do Comercio Val da Maía celebrarase os días 15, 16 e 17 de marzo"