Pestanas principais

Nove equipos participaron no Auditorio na fase comarcal do Club de Debate

Luns, 16 de abril de 2012

[16-04-2012] Celebrouse no Auditorio de Galicia a fase comarcal do Club de Debate. Participaron un total de nove equipos de escolares de secundaria dos concellos de Ames e da comarca (tres equipos de Ames, tres de Teo, un de Rois e dous equipos de Santiago). Esta iniciativa foi posta en marcha a través dos Servizos de Normalización Lingüística destes municipios. Os rapaces e rapazas debateron sobre o tema “¿Deben os poderes públicos promover a diversidade lingüística?”. Finalmente, o gañador foi o CPI dos Dices (Rois) e o segundo premio recaeu no equipo teense do IES de Cacheiras.


Cada equipo debateu dúas veces, unha coa posición a favor e outra en contra. O xurado emitiu unha puntuación e, e ao final do día, os dous que máis puntos sumaron foron os premiados: 500 euros para o primeiro e 300 euros para o segundo. Os premios non son en metálico, senón en material cultural ou deportivo (libros, discos, informática...) segundo a súa elección. O xurado estivo formado por catro persoas: unha xornalista, un escritor, unha profesora e unha técnica de normalización lingüística. A concelleira de Servizos Sociais, Familia, Dependencia e Maiores, María Dolores Fernández, asistiu á entrega de premios.

O primeiro clasificado competirá o día 28 de abril na final, que se celebra en Pontevedra, co tema: "Os usos das novas tecnoloxías favorecen as relacións sociais". O premio final é unha viaxe valorada en 5.000 euros para un grupo máximo de 25 membros (poden convidar os seus compañeiros), que tamén incluirá contidos culturais e ambientais.

O Club de Debate é unha iniciativa promovida polos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos de Ames, Santiago, Betanzos, Carballo, Carral, A Coruña, Ferrol, As Pontes, Pontevedra, Oleiros, Rois, Teo e Vigo. O seus obxectivos son: favorecer o emprego da lingua galega na mocidade; traballar no afondamento e no coñecemento dunha das habilidades sociais máis importante: a fluidez comunicativa, ligada á oratoria; incitar o pensamento crítico e analítico sobre temas de actualidade; e fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia fronte a diferentes cuestións e o traballo en equipo.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Hablando se entienden los estudiantes"