[04-05-2015] As bibliotecas municipais de Ames continúan coas actividades de animación á lectura durante o mes de maio. As sesións, como é habitual, desenvolveranse dende as 18:00 horas nas bibliotecas do Milladoiro e de Bertamiráns e nos locais sociais de Augapesada e de Bugallido cada quince días.
A primeira delas arranca hoxe luns no local social de Augapesada. A entrada aos contacontos é libre e gratuíta e a actividade está recomendada para nenos e nenas de 3 a 8 anos de idade. A temática elixida este mes son as estrelas. Os rapaces poderán achegarse a títulos como a Estela, Garoto busca unha estrela, Las estrellas, La pequeña Martina y las estrellas, Y la luna sonrió ou La estrella de Laura.
O obxectivo desta actividade é fomentar o hábito da lectura, especialmente entre os máis novos, e converter a biblioteca nun referente de encontro nun lugar axeitado para satisfacer as necesidades e inquietudes sociais, culturais, informativas e lúdicas da poboación amesán.
A seguinte sesión será mañá martes, día 5, no local social de Bugallido. O mércores, 6 e o xoves 7 será nas bibliotecas do Milladoiro e de Bertamiráns, respectivamente. As sesións volveranse a ofrecer na semana do luns 18 ao xoves 21.