Pestanas principais

As novas Escolas Culturais de Teatro, Artes Plásticas e Baile abren do 19 ao 23 de setembro o prazo de inscrición

Sábado, 17 de setembro de 2016

[17-09-2016] Este luns, 19 de setembro, o Concello de Ames abre o prazo de inscrición nas tres Escolas Culturais postas en marcha para este curso 2016/2017. A matrícula permanecerá aberta ata o día 23 de setembro. O proceso de inscrición pódese realizar de xeito presencial ou de forma telemática. As prazas adxudicaranse por sorteo público, que se celebrará o luns 26 de setembro, ás 12:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Non se conceden as prazas por orden de chegada. As clases comezarán durante semana do luns, 10 de outubro, e rematarán o 31 de maio de 2017. As persoas interesadas poderán solicitar máis información chamando ao teléfono 981535 940 ou enviando un correo ao enderezo electrónico cultura.milladoiro@concellodeames.gal.

Programa de actividades das Escolas Culturais e horarios
A programación das tres Escolas Culturais divídese do seguinte xeito: A Escola de Artes Plásticas, con 60 prazas para persoas maiores de 16 anos e 30 para nenas e nenos de entre 3 e 6 anos; a Escola de Teatro, con 75 prazas para nenas e nenos e 15 para o Grupo Municipal de Teatro, e a Escola de Baile, con 60 prazas para persoas maiores de 16 anos. As clases impartiranse nas Casas de Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns.

Na Escola de Artes Plásticas as e os participantes aprenderán e perfeccionarán distintas técnicas de pintura, modelado, traballo con madeira, papel ou teas. Nesta escola inclúese a actividade arte miúda, para nenas e nenos de entre 3 e 6 anos, estando dirixidas as clases restantes a persoas maiores de 16 anos. Cada grupo ten 15 prazas dispoñibles. En Bertamiráns as clases terán lugar na sala de usos múltiples da Casa da Cultura. As de arte miúda impartiranse os mércores de 18:00 a 19:00 horas. O grupo 1 de persoas adultas terá clase os martes de 10:00 a 11:30 horas e o grupo 2 os mércores de 20:30 a 22:00 horas. No Milladoiro os obradoiros desenvolveranse nas aulas 2 e 3 da Casa da Cultura. O grupo de arte miúda terá clase os xoves de 17:00 a 18:00 horas, o grupo 1 de persoas adultas os xoves de 11:00 a 12:30 horas, e o grupo 2 os martes de 20:30 a 22:00 horas.

Outra das novidades para este curso é que as Escolas de Música e Baile tradicional serán desenvolvidas directamente polas Asociacións Culturais do Concello de Ames. Deste xeito, as asociacións Os Castros, Os Retranqueiros, Follas Novas e Terras de Ames ofertarán a partir do mes de outubro diferentes clases de música e baile nas parroquias e núcleos urbanos, que contarán co apoio do Concello de Ames a través dunha liña de subvencións específica e coa cesión dos locais correspondentes.

A Escola de Baile está dirixida a persoas de máis de 16 anos que queiran aprender a desenvolverse na pista de baile independentemente da música que soe: salsa cubana, ritmos latinos, danza moderna ou bailes de salón. As clases dividiranse nunha parte teórica e outra prácticas e hai 30 prazas dispoñibles en cada grupo. En Bertamiráns terán lugar os mércores de 20:30 a 22:00 horas no auditorio da Casa da Cultura, no Milladoiro impartiranse os luns de 20:30 a 22:00 horas, tamén no auditorio do centro sociocultural.

A Escola de Teatro engloba tres actividades diferentes: teatro infantil e xogo dramático, expresión dramática e o grupo municipal de teatro, tendo cada grupo 15 prazas dispoñibles. Estas clases impartiranse nos auditorios das Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.

As clases de teatro infantil e xogo dramático buscan, mais que a representación de pezas teatrais, empregar o teatro como un recurso para a creación de xogos, un combustible para a imaxinación, un xeito de deixar atrás o medo e a timidez e de aprender novas formas de comunicarse a través da linguaxe corporal. Impartiranse en Bertamiráns, os martes de 17:00 a 18:00 para crianzas de 3 a 6 anos, e de 18:00 a 19:00 horas para nenas e nenos de 7 a 11 anos. No Milladoiro desenvolveranse os mércores, de 17:00 a 18:00 horas, para pequenas e pequenos de 3 a 6 anos, e de 19:00 a 20:00 para o alumnado de 7 a 11 anos.

As clase de expresión dramática está deseñado para rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos. Nel explóranse cinco vertentes: a expresión oral e corporal, a imaxinación e a creatividade, a comunicación, o autocoñecemento e a abordaxe cultural. As clases terán lugar os martes de 20:00 a 21:00 horas en Bertamiráns. No grupo municipal de teatro só poderán participar aquelas persoas maiores de 18 anos. As leccións, que se impartirán os mércores de 20:30 a 22:30 horas, centraranse no proceso de preparación dunha peza teatral e culminarán coa súa estrea ante o público.

O curso 2016/2017 tamén comeza nas Escolas Culturais municipais de Teatro, Artes Plásticas e Baile. Dende este luns, 19 de setembro, permanecerá aberto o prazo de inscrición, con 255 prazas dispoñibles. A Concellaría de Educación e Cultura ofrece aulas para crianzas e para persoas maiores de 16 anos, tanto na Casa da Cultura do Milladoiro como na de Bertamiráns. Os prezo das actividades é de 50 euros por curso para persoas maiores de 18 anos e de 40 para os menores de esa idade. No caso de familias que inscriban a unha segunda persoa menor de 18 anos o prezo do curso diminuirá a 20 euros, e a 10 se inscriben ademais a unha terceira persoa. Terán prioridade de matrícula aquelas persoas que xa participaran nalgún obradoiro cultural o ano anterior, pero só se a inscrición se realiza na mesma actividade e grupo que no curso anterior.

Para poder formar grupo deberanse cubrir a metade máis unha das prazas ofertadas. A matrícula poderase realizar tamén unha vez comezado o curso, sempre que haxa actividades con prazas dispoñibles. O prezo da actividade calcularase multiplicando o importe mensual polo número de meses de clases restantes.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “tratamos de modificar os obradoiros culturais para afondar na consolidación de Escolas especializadas cos mellores profesionais en cada ámbito. Ademais, reforzamos e ampliamos a todos os tramos de idades a Escola de Teatro, co obxectivo de crear cultura de base que poida ter a súa proxección de cara ao Grupo Municipal de Teatro. Así comezamos dende os 3 anos de idade e incorporamos, por primeira vez, as clases de teatro infantil e xogo dramático no Milladoiro. Para os mozos e mozas de entre 12 e 18 anos ofrecemos o obradoiro de expresión dramática en Bertamiráns e Milladoiro, na procura de captar novos participantes para a realización dun espectáculo teatral e musical”.

Renovación de prazas e novas matrículas
A renovación de praza poderase facer tanto telematicamente, a través dun banner instalado na cabeceira da páxina web municipal, como presencialmente na Casa da Cultura do Milladoiro ou no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Unha vez tramitada solicitarase a folla de autoliquidación no enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.gal. O importe da matrícula deberase aboar antes das 14:00 horas do 23 de setembro. Aqueles e aquelas que se inscriban por primeira vez nunha actividade, ou que queiran matricularse nun grupo distinto, deberán facer o trámite de forma presencial nas oficinas anteriormente mencionadas. As inscricións para menores de 18 anos deberán ser acompañados polos datos das persoas proxenitoras ou titoras.

Unha vez cubertas as prazas polas persoas que renoven matrícula sortearanse as restantes, en sorteo público aberto, o luns 26 de setembro ás 12:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. O martes 27 publicaranse as listas de persoas admitidas na web municipal, no Pazo da Peregrina e na propia Casa da Cultura do Milladoiro. Solicitarase entón a folla de autoliquidación nos locais de inscrición ou no enderezo electrónico cultura.milladoiro@concellodeames.gal, pechándose o prazo para o pagamento o luns 3 de outubro ás 14:00 horas.