Pestanas principais

A nova tarxeta do transporte metropolitano xa pode adquirirse nas oficinas de Novacaixagalicia

Venres, 04 de marzo de 2011

[04-03-2011] A Xunta de Galicia acaba de informar que a nova tarxeta de transporte metropolitano da área de Santiago de Compostela xa pode adquirirse nas oficinas de Novacaixagalicia. Con esta medida comeza o proceso de implantación do novo Plan de Transporte Metropolitano da área de Santiago, aínda que o paso definitivo será a mediados de marzo coa entrada en vigor do novo sistema tarifario zonal. Esta tarxeta, que estará dispoñible a través das 23 oficinas comercializadoras da rede de Novacaixagalicia na área metropolitana (as mesmas que facían esta labor coa tarxeta actual), fará posible a consecución das vantaxes tarifarias do novo Plan, como, o abaratamento do billete, a bonificación dos transbordos ou os descontos por recorrencia.

A partir do día 3 de marzo de 2011, os 20.000 usuarios actuais da tarxeta metropolitana recibirán por correo, nos seus domicilios, a nova tarxeta, sen que deban aboar por ela ningún custo. A tarxeta irá acompañada dunha carta con instrucións sobre a recarga na rede de caixeiros electrónicos de Novacaixagalicia, e dunha detallada explicación do seu funcionamento e das súas vantaxes, así como dos cambios que supón en canto ao abaratamento das viaxes e a bonificación dos transbordos. Ademais, empregados da referida entidade financeira recibiron preparación para asesorar aos usuarios acerca de calquera cuestión que formulen sobre a nova tarxeta.

Proceso de Implantación

A nova tarxeta de Transporte Metropolitano sen contactos poderá utilizarse dende o día 3 de marzo na rede de autobuses metropolitanos e urbanos, pero co actual sistema tarifario. A mediados de marzo entrará en vigor o novo sistema de tarifas zonal, cos descontos establecidos no novo Transporte Metropolitano.

A partir do 1 de abril comezaranse a contabilizar as viaxes realizadas por cada usuario, ao obxecto de poder beneficiar, a aqueles que máis a utilicen, cun desconto adicional por recorrencia. Con esta medida, finalizará a posta en marcha do programa tarifario do novo Plan de Transporte Metropolitano. Para conseguir todas as vantaxes do novo Plan é preciso empregar nos desprazamentos a nova tarxeta sen contactos. Non obstante, neste proceso de implantación paulatina seguirá sendo posible utilizar a antiga tarxeta con contactos actualmente existente.

Aínda que esta nova tarxeta ponse en marcha tras un período de probas, é posible que aparezan incidencias nestas primeiras semanas de funcionamento, feito lóxico debido á complexidade do cambio tecnolóxico e operativo a levar a cabo. Por esta razón, dende a Xunta de Galicia pídese a colaboración dos cidadáns, comunicando as incidencias que poidan detectar ben directamente ás empresas operadoras, ben a través de Nova Caixa Galicia; para a súa resolución inmediata está prevista a intervención dun equipo de técnicos.

Novos servizos

Paralelamente á posta en marcha do programa de tarifas, finalizarase o deseño dos novos servizos de transporte de interese municipal e de interese metropolitano que se poñerán en marcha dentro do Programa de Incremento da Oferta do novo Plan.

Así, o goberno autonómico manterá reunións cos concellos para abordar as condicións de prestación dos novos servizos, na que tamén estarán presentes os operadores.

Plan de Transporte Metropolitano de Santiago

O convenio do Plan de Transporte Metropolitano de Santiago foi asinado o pasado mes de decembro. Está previsto un investimento de máis de 12 millóns de euros na área compostelá ata o 2015, dos cales máis do 80% serán achegados pola Xunta de Galicia, ademais de facerse cargo do importe dos transbordos.

A implantación do novo plan incorpora os concellos de Santiago de Compostela, Ames, Boqueixón, Brión, Oroso, O Pino, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra, creando unha área metropolitana beneficiada que suma máis de 178.000 galegas e galegos e que permitirá coa súa posta en marcha implantar progresivamente 16 novas rutas; das cales catro serán de interese municipal e as outras doce de interese metropolitano.

En definitiva, garantirase unha maior coordinación entre os medios urbanos e interurbanos mediante a posta en marcha do abaratamento do billete, programa de transbordos bonificados para os usuarios, un incremento da oferta de servizos e o programa de mellora da información e mellora de infraestruturas (marquesiñas, intercambiadores…).

O novo Plan de Transporte Metropolitano

Neste momento, nas sete áreas metropolitanas de Galicia prodúcense 80 millóns de desprazamentos anuais en transporte público. Segundo as previsións, se non se adoptaran medidas de mellora do transporte público, como o novo Plan de Transporte Metropolitano, o volume de desprazamentos en transporte público baixaría en 2015 a 65,2 millóns. Polo tanto, o obxectivo do plan e investir esta tendencia e chegar nesa data a que máis de 126 millóns de desprazamentos se fagan en transporte público.