Pestanas principais

A película “A praia dos afogados” proxectarase o xoves na Casa da Cultura de Milladoiro

Martes, 18 de agosto de 2020

Estaba previsto que o anfiteatro do Milladoiro acollese o xoves, 20 de agosto, ás 22 horas, a segunda sesión de cine ao aire libre que chega a Ames a través do programa “Visións” da rede cultural da Deputación da Coruña e que está incluída no programa de fomento da Economía e a Cultura en Ames, AmesON. As previsións metereolóxicas que anuncian altas probabilidades de chuvia, determinan que a concellaría de Mocidade decida trasladar a proxección ao salón de actos da Casa de Cultura de Milladoiro. “A praia dos afogados” está baseada na novela de Domingo Villar qe conta cun amplo elenco de actores galegos entre os que se atopa o veciño de Ames Pepo Suevos. A actividade é de balde, até completar aforo, e organízase baixo as medidas de seguridade e hixiene que impón a loita contra a pandemia.

Baseada na novela do mesmo nome de Domingo Villar e dirixida por Gerardo Herrero, “A praia dos afogados” é un thriller ambientado nas Rías Baixas. Está protagonizado polo inspector Leo Caldas, un dos personaxes emblemáticos das obras do escritor galego. O argumento da “A praia dos afogados” parte da aparición, nunha praia galega, do corpo dun mariñeiro que ten as mans atadas ás costas. O inspector Leo Caldas mergullarase no ambiente mariñeiro da vila para solucionar o crime.

A película, protagonizada por Carmelo Gómez e rodada en encraves como Vigo, Panxón e Nigrán, conta cun amplo cartel de actores e actrices galegas entre o seu elenco: Luís Zahera, Pedro Alonso, Tamar Novas, Dario Loureiro, Celia Freijeiro, Lucía Regueiro, Carlos Blanco, Fernando Morán, Rosa Alvárez, Celso Bugallo, Vicente Montoto, Luís Iglesias e a coruñesa Déborah Vukusic, Belén Constenla, Manolo Romón e o veciño de Ames, Pepo Suevos.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A película “A praia dos afogados” proxectarase o xoves na Casa da Cultura de Milladoiro"

Revista Amsgo: "O xoves cine ao aire libre, se o tempo o permite, coa Praia dos afogados"

Lineiros: "O concello de Ames proxecta este xoves A praia dos afogados, película baseada nunha novela de Domingo Villar."

 

A praia dos afogados