Pestanas principais

A nova lei de protección animal centrou a xornada formativa organizada pola Asociación Protectora de Animais de Cambados

Martes, 23 de xaneiro de 2018

[23-01-2018] Este martes, 23 de xaneiro, o Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu unha xornada formativa acerca das mudanzas que presenta a nova Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía en Galicia. Organizada pola Asociación Protectora de Animais de Cambados, a xornada desenvolveuse ao longo da mañá, entre as 10:00h e as 15:00 horas. O Concello de Ames, a través da Concellaría de Medio Ambiente, colaborou na organización desta iniciativa.

Baixo o título Concienciación en Dereito Animal, a xornada procurou dar a coñecer as mudanzas e novidades que presenta a nova Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía en Galicia. Así mesmo, a xornada tamén puxo o foco na aplicación práctica da lei, ensinando ás persoas asistentes a diferenciar os casos de maltrato e abandono de animais nos que se debe acudir á vía administrativa e os casos nos que se debe acudir á vía penal. Do mesmo xeito, tamén se abordaron cuestións vinculadas ao comiso provisional de animais e á creación de protocolos de actuación.

Partindo da xustificación da reforma da lei, ao longo da mañá, tamén se afondou na utilidade das ordenanzas municipais, na diferenciación entre delitos e infraccións administrativas e nos mecanismos legais para a incautación urxente e dilixente de animais abandonados ou maltratados. A xornada incluíu, asemade, varias análises de casos prácticos reais, a partir dos cales se estudaron posibles solucións orientadas a unha resolución rápida e eficaz. Da mesma maneira, tamén se achegaron medidas creadas noutros municipios para a erradicación das situacións de abandono e maltrato.

O Concello de Ames adiantouse á lei, ao apostar polo sacrificio cero un ano antes da aprobación da propia lei. “En Ames, desde o 1 de outubro de 2016, optamos pola adopción fronte o sacrificio de animais”, afirmou o concelleiro de Medio Ambiente, Javier García. O concelleiro destacou tamén a campaña “E ti de quen vés sendo?” de fomento do uso microchips nos cans. “Un avance no momento, tornándose obrigatorio en Galicia un ano despois”, destacou García.

A xornada, que contou coa colaboración do Concello de Ames, tivo dúas relatoras: a presidenta da Asociación Protectora de Animais de Cambados, Olga Costa, e a asesora xurídica en dereito animal da Asociación Franz Weber, Irene Torres. A actividade, malia ser aberta a toda a cidadanía, estivo especialmente orientada a persoas que, polo seu traballo, deben coñecer en profundidade a nova lei: persoal técnico de medio ambiente, forzas de seguridade do estado, especialmente axentes do Seprona, avogadas e avogados...