Pestanas principais

Nova fin de semana de competición para os irmáns karatecas Olivia e Xoán Parga

Xoves, 12 de marzo de 2026

Os irmáns de Ames, Olivia e Xoán Parga, volveron competir a pasada fin de semana, sumando deste xeito unha nova experiencia no mundo do karate. Xoán visitou Ciudad Real para disputar a primeira fase da Liga Nacional de Karate sub-21, mentres que a súa irmá Olivia desprazouse ata Valga para defender o título que obtivo na pasada edición do torneo organizado polo Karate Valga.

Xoán Parga viaxou a pasada fin de semana ata Ciudad Real, onde se disputaría a primeira fase da Liga Nacional de Karate sub-21. O xove karateca amesán chegaba a Castilla La Mancha para disputar 4 grandes combates contra os mellores deportistas españois, e onde non puido arrancar mellor, cun axustado 1-0 no primeira ronda. 

Xa na segunda, o amesán volveu vencer ao seu opoñente, desta vez cun 5-4 noutro combate moi disputado e axustado, o que pon de manifesto a dificultade e o gran nivel desta competición. Xa nas semifinais, Xoán Parga caeu derrotado fronte ao actual campión de España por 8-0, e na final de consolación polo bronce volveu caer, quedando sen o ansiado metal. 

Non obstante, esta experiencia serviulle ao karateca de Ames para seguir sumando aprendizaxes, medrar como deportista e chegar rodado ao próximo campionato de España sénior, que se celebrará proximamente en Pontevedra. 

No caso da súa irmá Olivia, a viaxe foi máis preto: o Trofeo Valga 2026. A karateca chegaba como vixente campioa da súa categoría, e o obxectivo non era outro que defender o título nesta X edición, a cal contaba con maior nivel, chegando incluso a acoller deportistas de Portugal. Olivia disputou tres combates, gañando os tres por 6-0, 8-3 e 8-0 na final. Foi unha oportunidade de seguir mellorando e collendo sensacións para vindeiros campionatos.

Nova fin de semana de competición para os irmáns karatecas Olivia e Xoán Parga

Multimedia

  • Nova fin de semana de competición para os irmáns karatecas Olivia e Xoán Parga