Pestanas principais

A nova escola infantil de Bertamiráns celebra unha xornada de portas abertas

Venres, 16 de setembro de 2016

[16-09-2016] Durante este venres, 16 de setembro, a nova escola infantil da Rede A Galiña Azul, situada en Bertamiráns, celebrou unha xornada de portas abertas que estivo dirixida a todos os pais e nais con fillos/as matriculados, así como para a veciñanza amesá en xeral que tivera interesada en visitar as instalacións deste centro educativo. Esta infraestrutura, que comeza a funcionar con 69 alumnos/as de 0 a 3 anos matriculados, está situada nunha parcela que se atopa na rúa do Muíño, preto do paseo fluvial de Bertamiráns. Trátase dun centro educativo moi demandado por toda a veciñanza amesá xa que Ames rexistra máis de 300 nacementos ao ano.


Datos de matrícula para o curso 2016-2017
Esta escola infantil comeza a funcionar con 69 nenos e nenas de 0 a 3 anos matriculados para o curso escolar 2016-2017. Deste xeito, hai 12 nenos/as admitidos/as de 0 a 1 anos; 25 alumnos/as admitidos/as de 1-2 anos; e 32 rapaces e rapazas admitidos/as de 2 a 3 anos. En total, hai 69 prazas cubertas, 3 prazas vacantes no grupo de 0 a 1; 7 prazas dispoñibles no grupo de 2 a 3 anos, e 3 prazas reservadas para servizos sociais.

O vindeiro luns, 19 de setembro, xa comeza a funcionar con normalidade este centro educativo co período de adaptación de todos os nenos e nenas matriculados/as. Cómpre lembrar que ao longo desta semana o persoal da escola infantil estivo realizando entrevistas personalizadas cos pais e nais para explicarlles a programación do inicio do curso e do período de adaptación. Ademais, este xoves, 15 de setembro, realizouse unha asemblea informativa na que se deu conta das normas de funcionamento do centro.

Coa apertura deste novo centro educativo o concello de Ames pasa a dispor de catro escolas infantís (dúas en Bertamiráns e outras dúas no Milladoiro). Destes catro centros, dous son de xestión municipal (A Madalena e O Bosque) e outros dous de xestión autonómica ao estar encadrados dentro da Rede A Galiña Azul.

Este venres pola tarde, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, o concelleiro de Urbanismo, Blas García, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, o xerente do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, os xerentes adxuntos do Consorcio, Carmen García e Santiago Amor, varios concelleiros/as dos grupos municipais do Partido Popular, Ames Novo e Pacto por Ames, e mailo concelleiro non adscrito, Javier López, percorreron a nova escola infantil de Bertamiráns. Os concelleiros/as da corporación municipal e as autoridades da Xunta de Galicia fixeron un percorrido polo seu interior para ver de primeira man a distribución das aulas e o resto de instalacións.

Esta infraestrutura tan demanda pola comunidade educativa amesá está situada nunha parcela que se atopa na rúa do Muíño, preto do paseo fluvial de Bertamiráns. A parcela onde se construíu esta nova escola infantil dispón de 3.389 metros cadrados e a superficie total construída é de 656,35 metros cadrados. O importe de execución desta obra ascendeu a uns 736.000 euros, asumido nun 60% polo Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e o 40% restante polo Concello de Ames.

As 82 prazas do centro educativo distribuíronse en seis aulas, dúas para cada grupo de idade. As aulas do alumnado de 0 a 1 anos teñen unha superficie de 22 metros cadrados; as unidades de 1 a 2 anos ocupan 30 m2; e as aulas de 2 a 3 anos teñen unha dimensión de 36 m2. O inmoble está deseñado en planta baixa. Ao sur están as aulas e na zona norte hai unha sala de usos múltiples, unha zona de servizos con cociña, vestiarios e aseos, unha sala para o profesorado e un despacho para a dirección do centro.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Bertamiráns estrena guardería con 69 niños"