[16-11-2016] Esta tarde o salón de actos do IES do Milladoiro acolle a charla “Os deberes escolares a debate”. Organizada pola Nova Escola Galega coa colaboración do Concello de Ames a participación convocatoria está aberta á participación das familias e de toda a comunidade educativa. Comezará ás 19:00 horas e contará coa presenza de catro poñentes para dar paso despois ás intervencións do público.
Este mércores ás 19:00 horas o salón de actos do IES do Milladoiro, situado na rúa Travesía do Porto do Milladoiro, acollerá “Os deberes escolares a debate”. Nesta charla, organizada pola Nova Escola Galega, participarán Helena Gómez Vecino, presidenta da Confederación Galega de ANPAS de Centros Públicos de Galicia, Fernando Lacaci Batres, vicepresidente da Confederación de ANPAS Galegas, Sonia Fernández Casal, mestra e secretaria da Nova Escola Galega e Eva López Soto , educadora familiar do Concello de Teo. O debate estará moderado polo director do centro educativo, Víctor Santindrián.
“Organizamos un acto en clave de comunidade educativa”, explica a presidenta de Nova Escola Galega, Mariló Candedo. Ao debate convidouse ás familias e demais persoas membros da comunidade educativa para expoñer e matizar distintas posturas en torno a este debate: “Están saíndo distintas opinións e por iso queremos montar un debate en torno a esta cuestión tan complexa”. A NEG escolleu esta temática pola súa “actualidade”, aínda que na súa postura buscan ir un paso máis alá e poñer en cuestión o modelo educativo actual: “Nós vemos os deberes como parte dun modelo caduco que se quere denunciar”. Entre os aspectos negativos dos deberes escolares Candedo salienta as posibles “desigualdades educativas” que poden xerar. Expón así mesmo os problemas que poden xurdir “cando o fracaso escolar externalízase e depende das familias”. Por outro lado, engade, hai “unha parte do profesorado que ve cuestionada a súa autoridade” ante a convocatoria de folgas de deberes como a deste mes.
Mariló Candeda explica que a realización de tarefas repetitivas que requiran a axuda de outras persoas induce a pensar aos membros da NEG que “hai problemas que os escolares non poden resolver por si sós”. É entón cando entran en acción as pasantías , academias ou o profesorado particular, e é nestes casos nos que a organización se mostra “contraria” aos deberes escolares. Candeda admite que, por outra banda, os deberes poderían ter un impacto positivo “se se trata de tarefas de indagación no entorno, para desenvolver hábitos como o da lectura ou traballos en equipo”.
O moderador deste debate, o director do IES do Milladoiro, engade que “a idade é un factor a ter en conta”. Para Victor Santindrián “non é o mesmo os deberes na primaria que durante a secundaria, e tampouco na educación obrigatoria que no bacharelato”. Ademais coincide con Mariló Candeda en que “hai que analizar se os deberes escolares axudan ou prexudican á equidade nos centros”.




