[21-07-2017] Un xefe de brigada, un peón condutor e tres peóns, que forman a brigada de prevención e extinción de incendios forestais de Ames, comezaron hoxe a desenvolver traballos de prevención en Ventosa e Montemaior, lugares nos que o risco de incendios é alto pola continuidade de zona forestal. A Brigada permanecerá no concello durante tres meses , tempo no que ademais poderá facer traballos de vixilancia e de extinción de lumes se for necesario.
Ao longo destes meses de verán, a brigada desenvolverá labores fundamentalmente preventivas, que son as que fan parte das competencias dos Concellos. Así, esta brigada actuará no termo municipal de Ames, sempre e cando non sexa chamada para actuar en operacións de extinción e remate de incendios noutras zonas dependentes da consellería do Medio Rural. A brigada de Ames está baixo as ordes do Distrito III, no que se inscribe o concello de Ames.
No que se refire ás labores a desempeñar, o Concello de Ames está adherido ao procedemento operativo do PLADIGA 2017 como Plan director. Os traballos de extinción son sempre marcados polo Servizo de Prevención e defensa Conta Incendios Forestais. Pola súa banda, as labores preventivas son planificadas desde o propio Concello, a través dunha listaxe de posibles traballos que se considera preciso desenvolver. Estes traballos deben ser aprobados polo Distrito forestal e, unha vez aprobados, pasan a forma parte do plan municipal de protección e defensa contra incendios forestais, cuxas labores se levan a cabo periodicamente.
Os principais traballos de prevención que a brigada terá que desenvolver son a roza, rareo e eliminación de restos vexetais de xeito manual en camiños e fincas municipais, e faixas de xestión da biomasa vexetal. Estas labores teranas que realizar de xeito manual, sempre e cando, non se poidan desenvolver co tractor municipal. Esta brigada actuará nunha superficie máxima de 10 hectáreas.
A brigada está conformada por un xefe de brigada, un peón condutor e tres peóns. Os integrantes deste grupo están dotados dun equipo de protección individual e contan cun vehículo todo-terreo. Tamén dispoñen do material necesario para realizar o seu traballo como batelumes, desbrozadoras, etc.