Pestanas principais

A nova améndoa central do núcleo urbano de Bertamiráns daralle prioridade ás persoas pero sen prohibir o tráfico rodado

Mércores, 19 de outubro de 2022

O Pazo da Peregrina acolleu a presentación do proxecto de creación dunha améndoa central no núcleo urbano de Bertamiráns, que está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. A nova améndoa será un espazo público de calidade. Converterase en eixe vertebrador da vila e, sen prohibir o tráfico rodado, daralles prioridade ás persoas. Actuarase en seis rúas e dúas prazas en tres fases distintas de execución. Converterase nun grande espazo cidadán no que se dean todas as facilidades aos percorridos a pé e en bicicleta e se dinamicen as actividades comerciais e de ocio. Dito proxecto atópase en fase de licitación e conta cun orzamento base de contratación de 1.347.000 euros. Preme nesta ligazón para descargar o díptico informativo de dito proxecto.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento das actuacións recollidas na EDUSI Impulsa Ames. Un dos proxectos máis importante que se vai a executar é a creación dunha améndoa central no núcleo urbano de Bertamiráns, que será un espazo  público de calidade no que se lle dará prioridade ás persoas, pero sen prohibir o tráfico rodade de vehículos. Nestes intres este proxecto, que conta cun orzamento base de contratación de 1.347.000 euros, está en fase de licitación. Premendo nesta ligazón podes ver o vídeo explicativo deste proxecto.

A dito evento acudiron membros de diversas asociacións do concello, concelleiros/as do Goberno municipal e do grupo municipal do Partido Popular. No acto interviron a concelleira da unidade executora da EDUSI encargada deste proxecto, Susana Señorís, o redactor do proxecto da empresa Estudio Técnico Gallego, Pablo Blanco, e mailo alcalde de Ames, Blas García.

Esta actuación é unha das boas prácticas enmarcadas na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable (EDUSI), Impulsa Ames, cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Con esta actuación o Concello abordará as principais dificultades e desafíos que xorden ao amparo do crecemento físico experimentado polo municipio nas últimas décadas. Este novo espazo público de calidade ten un triplo obxectivo: convidar a que os percorridos cotiáns da poboación se realicen a pé; proporcionar unha boa comunicación cos equipamentos públicos e as zonas verdes; e contribuír á dinamización da economía local.

As actuacións acometeranse sobre o sistema viario xa existente, pensado e proxectado nun inicio dende a perspectiva do automóbil, pero reverterán esta situación en favor do tráfico peonil e ciclista, de xeito que a améndoa central se converta nun grande espazo cidadán no que se dean todas as facilidades aos percorridos a pé e en bicicleta e se dinamicen as actividades comerciais e de ocio.

A concelleira da unidade executora da EDUSI encargada deste proxecto, Susana Señorís, comezou a súa intervención explicando que “o núcleo urbano de Bertamiráns presenta os problemas habituais das cidades que medraron moi rápido e cunha planificación deficiente. O eixe vertebrador era unha estrada xeral, a única vía que naquel momento comunicaba Santiago con Noia, e así, ao redor dunha vía de comunicación con gran volume de tráfico, fómonos expandindo. Isto fixo que chegasemos á actualidade coas eivas que todos coñecemos: escaseza de servizos e zonas verdes por número de habitantes, falta de espazo para a interactuación veciñal, e unha elevada contaminación acústica e de tráfico rodado no centro, o que impide que esta sexa unha zona atractiva para o paseo, as compras, o lecer da veciñanza. A creación desta améndoa central pretende reverter esta situación e crear, sen prohibir os vehículos, un espazo público de calidade”.

A continuación interveu o redactor do proxecto, Pablo Blanco, de Estudio Técnico Gallego, que explicou en que van consistir as obras, así como as decisións de deseño urbano e mailos detalles arquitectónicos que se tomaron para o deseño do proxecto. Deste xeito, explicou que a necesidade de coordinar a execución das obras co elevado volume de tráfico rodado que soportan os viarios afectados na actualidade, fai necesaria a definición de tres ámbitos de actuación non coincidentes no tempo, de forma que a finalización de cada actuación permita a posta en servizo do espazo público, co obxectivo de minimizar as molestias ocasionadas á poboación. Tendo isto en conta defínense tres ámbitos de actuación sucesivas no tempo.

Primeira fase: avenida da Maía, rúa Alcalde Lorenzo e praza da Maía
A actuación máis adecuada que contribúa á creación dun espazo público de calidade é a que permite darlle continuidade á praza da Maía sobre a avenida da Maía e a rúa Alcalde Lorenzo ata a praza do Concello, incrementado o espazo peonil e promovendo a convivencia co vehículo en condicións de seguridade. Con esta finalidade proxéctase un gran espazo compartido de prioridade peonil, mediante unha plataforma ao mesmo nivel entre a praza da Maía, avenida da Maía e a rúa Alcalde Lorenzo.

Segunda fase: rúa do Ameneiral e rúa Entrerríos
A transformación da rúa do Ameneiral contempla unha plataforma única a nivel que lle dea continuidade á praza do Concello e mediante a redución do espazo destinado ao automóbil créase un itinerario peonil e ciclista que favoreza a conexión dos futuros carreiros escolares. A actuación prevista para a rúa Entrerríos concéntrase na intersección coa rúa do Ameneiral, co fin de actuar como medida de acougado do tráfico da circulación dos vehículos ao seu paso pola devandita intersección.

Terceira fase: travesía da Peregrina e rúa Rueiro
A travesía da Peregrina configurarase como unha ampliación da praza da Maía no seu acceso ao parque do Ameneiral e actuará de conexión do futuro itinerario entre o centro urbano e a zona escolar co mesmo parque. O tramo da rúa Rueiro que discorre entre a travesía e a avenida da Peregrina asumirá o tráfico que se suprime da actuación anterior, pero sen prexuízo do incremento dun espazo peonil que na actualidade non dá cumprimento á normativa de accesibilidade.

Obxectivo: recuperar as rúas para as persoas
O alcalde de Ames, Blas García, foi o encargado de pechar a presentación. Manifestou que este é un proxecto de toda a Corporación municipal e no que se leva traballando moito tempo. Para poder executar dito proxecto conseguiuse que as avenidas da Maía e da Peregrina e un treito da DP-0205 Bertamiráns á Ramallosa sexan de titularidade municipal. Isto permite poder executar as obras da améndoa central de Bertamiráns sen ter que solicitar os correspondentes permisos da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, o que facilita a execución de dito proxecto.

Ademais, o rexedor municipal dixo que “este proxecto forma parte dunha estratexia global, vencellado a outras liñas de actuación que estamos presentando e seguiremos presentando ao longo dos vindeiros meses. Tras todos eles está o obxectivo xeral de recuperar as rúas para as persoas. As cidades, para os cidadáns. Neste caso concreto, non se trata de prohibir os automóbiles, senón de limitar o seu uso e de deixar de proxectar a cidade dende a perspectiva dos vehículos. Trátase de priorizar nos peóns, e de facer que nin faga falta, nin compense, nin apeteza coller o coche para moverse pola vila. Creando un espazo axeitado, atractivo e ben deseñado, que convide ao paseo, á conversa e ao encontro entre as persoas, que estea ben conectado cos servizos, os comercios e os espazos verdes cos que xa contamos e os novos que se crearán, os vehículos deixarán de ser o centro, e volverano ser as persoas”.

Tamén incidiu en que “somos conscientes de que durante a súa execución haberá certo transtorno, coma en todos os cambios que merecen a pena. Por iso acometeremos as obras por fases, divididas en tres localizacións concretas que, cando rematen, serán un único espazo público de calidade, con continuidade e cohesión”.  

Por último, destacou que o Concello de Ames está traballando para crear novas bolsas de aparcamento en Bertamiráns. Para elo estase falando cos propietarios/as de parcelas que poderían albergar eses novos aparcadoiros.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Bertamiráns, más peatonal, accesible, arbolada y con menos aparcamiento"

AMSGO!: "Bertamiráns gañará espazo para o peón coa nova améndoa central"

Enfoques: "Así será la nueva 'almendra' de Bertamiráns: un 'espacio público de calidad' con prioridad peatonal"

El Correo Gallego: "Bertamiráns luce su urbanismo adaptado a las personas para una capital de futuro"

Imaxe da presentación da améndoa central do núcleo urbano de Bertamiráns

Multimedia

  • Imaxe da presentación da améndoa central do núcleo urbano de Bertamiráns
  • Imaxe da presentación da améndoa central do núcleo urbano de Bertamiráns
  • Imaxe da presentación da améndoa central do núcleo urbano de Bertamiráns
  • Imaxe da presentación da améndoa central do núcleo urbano de Bertamiráns
  • Imaxe da presentación da améndoa central do núcleo urbano de Bertamiráns
  • Imaxe do proxecto da améndoa central do núcleo urbano de Bertamiráns
  • Imaxe do proxecto da améndoa central do núcleo urbano de Bertamiráns
  • Imaxe do proxecto da améndoa central do núcleo urbano de Bertamiráns
  • Imaxe do proxecto da améndoa central do núcleo urbano de Bertamiráns
  • Imaxe do proxecto da améndoa central do núcleo urbano de Bertamiráns
  • Imaxe do proxecto da améndoa central do núcleo urbano de Bertamiráns
  • Embedded thumbnail for