Pestanas principais

Notable éxito de afluencia e vendas na VII Feira do Comercio Val da Maía

Martes, 19 de abril de 2011

[19-04-2011] A VII Feira do Comercio Val da Maía pechou as súas portas cun notable éxito de público e de vendas. Os preto de 30 comercios que participaron nesta feira viron compensado o seu esforzo e traballo de todo o fin de semana con un considerable número de vendas. A climatoloxía tamén contribuíu a que un gran número de persoas se animaran a achegarse ao pavillón de Bertamiráns. O tren turístico con máis de 1.000 usuarios/as e a gardaría, que atendeu arredor de 120 nenos/as, foron os servizos máis demandados e empregados polas persoas que visitaron a Feira do Comercio. As horas nas que se rexistrou un maior número de visitas foi entre as 17:30 h. e as 20:00 horas do sábado e do domingo.

Todos os datos que se manexan dende a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns e dende o propio Concello de Ames, apuntan a que a VII Feira do Comercio Val da Maía foi unha das mellores edicións das que se levan celebrado. Aínda que sempre hai diferencia no número de ventas entre uns comercios e outros, o balance que se fai dende a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns e dende o propio Concello de Ames é positiva.

A maioría dos comerciantes que expuxeron os seus produtos nesta feira do comercio acabaron satisfeitos polo número de vendas que realizaron. O bo tempo e as altas temperaturas que se rexistraron estes días fixo que as persoas que se achegaron ata o pavillón de Bertamiráns se interesase polas gafas de sol, sendo un dos artigos que máis se vendeu nesta edición da Feira do Comercio. Outros artigos que se venderon moi ben foron os produtos de téxtil (roupa e complementos), así como os zapatos e zapatillas.

En canto a afluencia de público cómpre salientar que as horas nas que se rexistrou un maior número de visitas foi entre as 17:30 h. e as 20:00 horas do sábado e do domingo. O presidente da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, Juan Carlos Zaera, explicou que "o día que maior afluencia de público houbo foi a xornada do sábado. O domingo pola mañá tamén houbo bastante xente. O tramo horario que vai dende as 13:00 h. e as 17:00 horas do domingo foi o máis frouxo, mentres que nas últimas tres horas do domingo volveu haber unha grande afluencia de visitantes".

Cómpre salientar que o sábado ás 11:00 horas había un gran número de persoas agardando a que se realizase a apertura oficial, e que foron as primeiras en mercar algún dos múltiples produtos que se ofrecían na sétima edición deste evento. Roupa, deportes, electrodomésticos, gafas, calzado, artigos para os bebés, material deportivo e lambonadas... foron algúns dos produtos que os preto de 30 comercios ofreceron nesta sétima edición da Feira do Comercio. Un dos artigos que máis chamou a atención dos visitantes foi unha máquina para facer refrescos con auga, que tiña á venta o comercio Electrónica Angueira.

Os comercios que participaron neste evento foron Electrónica Angueira, Champion, Lolita Moda, Promociones Sant-Yago, Óptica Zaera, Miranda, Xplosion, Carmela Rendo, Outlet Charm, Tris-Tras, Andoriña, Duende Azul, Coket@s, Don Larpeiro, Xogamos, A Tenda de Fraber, Marlo, Spiral, Strass, Alejandra Pita, Milano, Haldeta, Obama, Queens e Hermo. Seis comercios (Outlet Charm, Tris-Tras, Milano, Coket@s, Don Larpeiro, Milano e Queens) participaron por primeira vez neste evento.

Os comercios dispuxeron dunha gran amplitude e comodidade xa que os stands se repartiron en 400 metros cadrados. O stand do Concello de Ames, que tivo unha presenza destacada no exterior do recinto, difundiu material informativo e divulgativo entre o público asistente. Ademais, este ano como novidade, o departamento de informática do Concello de Ames instalou no pavillón polideportivo unha rede wifi para que todos os comerciantes que o desexasen puideran conectarse á rede.

Tren turístico e gardaría

O bo tempo contribuíu a que a xente se animase a acudir a Bertamiráns para comprar algún dos produtos que se ofertaban a un reducido prezo. Un elemento que contribuíu de maneira notable o fluxo de visitantes foi o tren turístico que puxo en marcha o Concello de Ames e que trasladou ata o recinto a máis de 1.000 pasaxeiros. Ademais, con esta medida intentouse que se mobilizaran o menor número posible de vehículos privados para evitar atascos e contribuíu ao aforro enerxético. A maiores, ao longo da xornada do sábado, Bertamiráns contou cun pallaso que animou a feira e aos usuarios/as do tren turístico.

Outro dos servizos que mellor funcionou foi o da gardaría, que permitiu aos pais e nais que asistiron a feira, poder gozar da xornada mentres que os seus cativos se divertían na gardaría habilitada, participando en obradoiros de manualidades e diferentes actividades de lecer. Este servizo atendeu arredor de 120 nenos e nenas entre as dúas xornadas.

O presidente da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, Juan Carlos Zaera, destacou que en xeral o balance da VII Feira do Comercio Val da Maía é positivo xa que se superaron o número de visitantes e de ventas respecto ao ano pasado. "Eu persoalmente fago un balance positivo. Respecto á edición do ano pasado houbo un maior número de visitantes e de ventas, sobre todo o sábado que foi o día que máis xente asistiu ao evento". En canto aos seis comercios que asistiron por primeira vez a este evento dixo que "algúns deles van repetir en próximas edicións".