Pestanas principais

Noite musical en Ames con Guadi Galego en Bertamiráns e Thais Rudiño no Milladoiro

Venres, 14 de xullo de 2017

[14-07-2017] Guadi Galego estará hoxe, ás 22:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns dentro do programa Cultura no Camiño. Pola súa banda, Thais Rudiño actuará a partir das 21:30 na terraza do bar Entreportas, do Milladoiro, dentro do ciclo Noites na Terraza. Os dous concertos contan coa colaboración do Concello de Ames a través da Concellería de Educación e Cultura.

Guadi Galego estará presentando o seu último traballo, O mundo está parado, no que conta coa colaboración de musicos como Abe Rábade, Santi Cribeiro, Anxo Pintos ou Karlos Abal. Tanto este concerto de Guadi Galego, como o de Treixadura da semana pasada, encádranse dentro no programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia. Unha iniciativa que busca espallar e descentralizar a programación cultural estival, á vez que dinamiza culturalmente os concellos polos que discorren algunhas das rutas xacobeas, como é o caso do concello de Ames.

Thais Rudiño presentará no Milladoiro o seu proxecto musical Versus, consistente nun dúo de guitarra e voz. O concerto enmarcase dentro do ciclo Noites na Terra, co que se pretende dinamizar o sector hostaleiro do Milladoiro e animar as noites de verán, para que a veciñanza goce do seu tempo de lecer ao tempo que escoita grupos galegos.