Pestanas principais

Noite de Morcegos en Bertamiráns

Mércores, 02 de setembro de 2015

[02-09-2015] A Concellaría de Medio Ambiente propón para o sábado, 5 de setembro, “A noite dos Morcegos”, unha actividade encamiñada a achegar ao público coñecementos sobre este grupo, bastante descoñecido e rodeado de literatura, lendas e crenzas populares que lle confiren unha certa mala fama. O Pazo da Peregrina acollerá a partir 19:00 unha charla introdutoria sobre a bioloxía e a importancia ecolóxica dos quirópteros. Logo, a partir das 20:00 no Rego dos Pasos, en Bertamiráns, terá lugar unha sesión científica de captura con detectores de ultrasóns, redes de néboa e diverso material científico. As inscricións para participar desta “Noite de Morcegos” poden realizarse directamente na Concellaría e Medio ambiente, na Casa do Concello, en Bertamiráns, ou ben a través do correo electrónico: auladanatureza@concellodeames.org ou o teléfono 660004665.

Que son? onde viven? Que curiosidades ofrece a súa morfoloxía? De que se alimentan? Cantas especies hai? É certo que algúns deles chupan sangue? Teñen algún fundamento as características que neste senso lles atribúe a literatura e o cine? E certo que das máis de mil especies que existen no mundo, só hai tres en América aos que si se lles pode chamar “vampiros” no senso de que gostan de alimentarse de sangue animal? Estas son algunhas das cuestións que se abordarán en “A Noite dos Morcegos”. Ademais os asistentes coñecerán a través dunha sesión científica real os detectores de ultrasóns, as redes de néboa e diverso tipo de material científico utilizado para a captura e o estudo destes animaliños da especie dos quirópteros.

Ademais da finalidade divulgativa, o obxectivo desta actividade, segundo a concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, é tamén o de quitarlles un pouco a mala fama a estes animais e incidir na función que desenvolven para o equilibrio do ecosistema: “O Obxectivo principal desta actividade e achegar ao público en xeral un grupo, o dos quirópteros -morcegos-, bastante descoñecida e que polo xeral está rodeada de lendas e crenzas populares que lle dan mala fama. Quizais por esta fama os morcegos son pouco “queridos” esquecendo a importante función que desenvolven nos ecosistemas e mesmo no noso día a día xa que nunha noite son capaces de comerse ata 100 mosquitos”.

“A noite dos morcegos” está dirixida a todos os públicos. A actividade é gratuíta. Hai treinta prazas e é preciso inscribirse. Os interesados/as poden facelo directamente na Concellaría e Medio ambiente, na Casa do Concello, en Bertamiráns, ou ben a través do correo electrónico: auladanatureza@concellodeames.org ou o teléfono 660004665.

Contido relacionado


"Todos los murciélagos amienses, al desnudo"