Pestanas principais

No vai de verán máis de 300 rapaces e rapazas participaron no programa municipal de campamentos

Luns, 01 de agosto de 2016

[01-08-2016] Durante a última semana de xuño e o mes de xullo un total de 316 rapaces e rapazas participaron no programa dos campamentos municipais de verán, que oferta o Concello de Ames, a través das concellaría de Mocidade e Medio Ambiente, para que os nenos e nenas amesáns pasen un verán entretido. No que vai de verán realizáronse sete saídas a cinco campamentos diferentes repartidos por diferentes concellos galegos e por Portugal. Ademais, durante a primeira quincena de xullo desenvolveuse o campamento urbano nas instalacións municipais da Aula da Natureza. Este programa pecharase no mes de setembro cunha saída a Granxa Escola Kiriko. Este campamento é unha das principais novidades deste ano xa que ata o de agora non se ofrecían campamentos no mes de setembro.

Este ano o programa de Campamentos de Verán 2016 incluíu varias novidades. A primeira é que este programa se ampliou ao alumnado que este ano cursou estudos de bacharelato. Ademais, ampliouse a oferta de campamentos con novas actividades para o mes de setembro, que están dirixidas ao alumnado de primaria e de secundaria. Deste xeito, ofrécese unha nova alternativa para que os pais e nais poidan conciliar durante o mes de setembro e mentres non comeza o curso escolar.

Durante a última semana de xuño desenvolvéronse dúas quendas de campamentos na Granxa Escola Fervenzas do Toxa. Na primeira, que estivo dirixida ao alumnado de cuarto e quinto de educación infantil, participaron 20 nenos e nenas. A segunda quenda estivo dirixida ao alumando de sexto de educación infantil e houbo 32 participantes. Neste campamento os rapaces e rapazas fixeron visitas á granxa, para darlle de comer aos animais, participaron en diversos xogos e actividades de manualidades (elaboraron un cadro con material de refugallo) e refrescáronse na piscina. Ademais, os rapaces e rapazas de sexto de educación infantil participaron en actividades de hípica e de rocódromo.

Entre o 18 e o 21 de xullo un grupo de 100 rapaces e rapazas de terceiro e cuarto de educación primaria participaron no campamento Galipark Multiaventura, situado no concello de Padrón. Neste caso completáronse todas as prazas ofertadas. Neste caso participaron en actividades acuáticas e de piscina, escalada, tirolina, xogos de pistas, rutas de sendeirismo, veladas nocturnas, etc.

Na última semana de xullo, houbo outras dúas quendas de campamentos, pero neste caso desenvolvéronse na Granxa Escola de Barreiro. Nestas actividades, que estiveron dirixidas ao alumnado de primeiro e segundo de educación primaria, participaron 75 rapaces e rapazas (divididos en dous grupos de 35 e 40 usuarios/as). Neste caso participaron en traballos de granxa e horta (limparon as cuadras e déronlle de comer aos animais), actividades de piscina e teares (fixeron unha pelota saltarina con la, para o que tiveron que rapar unha ovella e realizar os procesos de cardado, tinguido e fiado da la), e aprenderon a poñer as mesas do comedor, antes de comer, e recollelas despois do xantar, así como realizaron xogos populares e grandes veladas.

Campamentos xuvenís
Por outra banda, desenvolvéronse dous campamentos xuvenís. O primeiro, que se realizou entre o 3 e o 9 de xullo en DiverLanhoso (Portugal), estivo dirixido ao alumando que este pasado curso estudou terceiro de ESO, e primeiro e segundo de bacharelato. Neste campamento participaron 35 mozos/as que durante sete días fixeron rafting, pontes colgantes, tirolinas, péndulos, mina laberinto, paintball, así como escalada e rutas de obstáculos no Castelo de Povoa de Lanhoso. Tamén participaron en actividades de piscina e veladas.

O segundo campamento xuvenil desenvolveuse entre o 11 e o 18 de xullo nas Fragas do Eume. Neste caso estivo dirixido ao alumnado de primeiro e segundo de educación secundaria. Un grupo de 24 rapaces e rapazas fixeron actividades de escalada no Castelo de Andrade, kaiak na ría de Pontedeume, orientación, actividades de auga (snorkel), unha ruta interpretativa polas Fragas do Eume, unha ruta en barco polo río Mandeo, xincanas, etc.

Campamento urbano
Ademais, 30 nenos e nenas participaron durante a primeira quincena do mes de xullo no campamento urbano da Aula da Natureza. As actividades foron organizadas polos oito monitores xuvenís da OMIX e pola coordinadora da aula, Patricia Reboreda. Houbo todo tipo de actividades: obradoiros ambientais, xogos tradicionais e xincanas. Tamén tiveron tempo para realizar algunha excursión: unha ruta polo entorno da aula explorando a súa flora e fauna, e outra polo rego Andoriña, que rematou cun baño na praia fluvial de Tapia. Este campamento rematou cunha gran festa á que foron convidadas as familias dos participantes.