Pestanas principais

No que vai de ano 159 veciños/as de Ames estanse beneficiando dos descontos da Tarxeta Metropolitana Social

Sábado, 15 de novembro de 2014

[15-11-2014] Hai máis de dous anos que entrou en vigor a tarxeta metropolitana social no concello de Ames. Despois de que transcorresen máis de 24 meses dende a posta en marcha desta axuda ao transporte, toca facer balance dos usuarios/as que están empregando esta tarxeta. Durante o 2014, un total de 159 persoas realizaron os trámites correspondentes para poder facer uso deste servizo, mentres que en 2013 houbo 384 usuarios/as da tarxeta metropolitana social. A aplicación desta política social supón para os colectivos beneficiados un aforro considerable no emprego do transporte público.

Despois de dous anos dende a posta en marcha da tarxeta metropolitana social o Concello de Ames, a través do departamento de Benestar Social, fai balance deste servizo social. Deste xeito, durante o 2014, un total de 159 persoas realizaron os trámites correspondentes para poder facer uso deste servizo (284 maiores de 65 anos, 75 persoas con algún tipo de discapacidade, 4 persoas desempregadas, e 21 persoas en risco de exclusión social). Estes datos son provisionais xa que aínda quedan dous meses para rematar o ano.

Por outra banda, durante o ano 2013 houbo 384 usuarios/as da tarxeta metropolitana social (113 maiores de 65 anos, 35 persoas con algún tipo de discapacidade, 1 persoa desempregada, e 10 persoas en risco de exclusión social). A aplicación desta política social supón para os colectivos beneficiados un aforro considerable no emprego do transporte público.

Esta tarxeta permítelle aos xubilados con determinados niveis de renda, parados e persoas con discapacidade da área compostelá pagar 0,39 euros por billete (20 traxectos ao mes), o que supón un desconto do 50% sobre as tarifas xa subvencionadas do cartón metropolitano ordinario (0,78 euros por viaxe). Para elo, o Concello cofinancia esta medida social aportando un 20%.

A concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, recorda que “a medida que van caducando as tarxetas metropolitanas sociais hai que volver a solicitar esta axuda nos departamentos de Servizos Sociais que están situados nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro, tal e como establece o regulamento do transporte metropolitano. Ademais, todas as persoas que non teñan esta tarxeta pódena solicitar en calquera momento do ano nos departamentos municipais de Servizos Sociais”.

Todas as persoas que estean interesadas en renovar a axuda ao transporte correspondente á Tarxeta Metropolitana Social teñen que pasar polo departamento de Servizos Sociais, tanto no Milladoiro (na Oficina Municipal desta localidade, situada na Rúa de Abaixo s/n, ou no teléfono 981 535 941) como en Bertamiráns (na Casa da Cultura desta localidade, situada na Praza de Chavián s/n, ou no número 981 890 964).

A Tarxeta Metropolitana Social é unha tarxeta-moedeiro que se pode adquirir nas oficinas das entidades financeiras adheridas ao Transporte Metropolitano de Galicia, na actualidade ABANCA. Actualmente, o custe do percorrido coa tarxeta metropolitana é de 0,78 euros e coa tarxeta metropolitana social este prezo redúcese á metade, a 0,39 euros. O desconto recargarase directamente a través da propia tarxeta unha vez efectuadas as viaxes.

Beneficiarios da Tarxeta Metropolitana Social 
Poden solicitar a Tarxeta Metropolitana Social todas aquelas persoas que teñan residencia habitual no Concello de Ames no momento da solicitude e acrediten unha antigüidade mínima de 12 meses de empadroamento en calquera dos concellos da área metropolitana de Santiago.

Os solicitantes deben cumprir unha serie de requisitos. Deste xeito, as persoas maiores de 65 anos de idade teñen que acreditar que non exercen actividade laboral e que os seus ingresos persoais non superan 1,5 veces o valor do IPREM (798,76 €/mes). Pola súa banda, as persoas con discapacidade teñen que acreditar unha discapacidade en grao igual ou superior ao 65% (recoñecida polo EVO) e que os seus ingresos non superan 1,5 veces o valor do IPREM (798,76 €/mes).

No caso das persoas en situación de desemprego, teñen que estar inscritas como demandantes de emprego de xeito ininterrompido durante os 12 meses anteriores á data da súa solicitude; ter realizado unha actividade laboral durante un tempo mínimo de 12 meses nos últimos 5 anos anteriores á data da solicitude; deben participar en itinerarios de inserción laboral e acreditar que carecen de recursos propios no momento da solicitude.

Por último, as persoas en situación de emerxencia social deben contar cun informe dos Servizos Sociais do Concello, no que se atendan a razóns de emerxencia social ou de precariedade persoal.

A nivel xeral, o importe da axuda será de 50% do importe da viaxe ata un máximo de 20 viaxes ao mes, agás nos casos de emerxencia social que se bonificará o 100% do custo da viaxe ata un máximo de 30 viaxes ao mes.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La Tarxeta Metropolitana Social supera los ochocientos usuarios"