Pestanas principais

No que vai de 2015 rexistráronse un total de 836 doazóns de sangue en Ames

Luns, 17 de agosto de 2015

[17-08-2015] Segundo os datos facilitados polo Centro de Transfusión de Galicia entre os meses de xaneiro de xullo en Ames rexistráronse un total de 836 doazóns de sangue. Ata o de agora contabilizáronse 485 doazóns en Bertamiráns e 351 no Milladoiro. Para seguir incrementando os datos de participación a localidade do Milladoiro recibirá a unidade móbil de doazón os días 18 e 19 de agosto, mentres que en Bertamiráns estará os días 19 e 20 deste mesmo mes. Ames é un dos concellos con maior taxa de doazón por habitante. En 2014 rexistráronse un total de 1.379 doazóns de sangue, cunha taxa de 46 doazóns por cada 1.000 habitantes.

O Concello de Ames e o Centro de Transfusión de Galicia realizan todos os meses varias campañas de doazón de sangue nas localidades amesáns. Normalmente, a unidade móbil de doazón de sangue visita cada mes o concello de Ames co obxectivo de intentar facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadáns amesáns. As localidades que acollen a unidade móbil de doazón soen ser O Milladoiro e Bertamiráns, así como a parroquia de Biduído.

Segundo os datos facilitados polo Centro de Transfusión de Galicia entre os meses de xaneiro e xullo rexistráronse un total de 836 doazóns de sangue. Ata o de agora contabilizáronse 485 doazóns en Bertamiráns e 351 no Milladoiro. Isto implica que respecto ao ano pasado en Bertamiráns houbo 64 doazóns máis, mentres que no Milladoiro mantense o número de doantes.

Para seguir incrementando os datos de participación a localidade do Milladoiro recibirá a unidade móbil de doazón os días 18 e 19 de agosto. O martes, 18 de agosto, o horario de atención será de 9:30 a 14:30 horas e de 15:30 h a 21:00 horas. O mércores, 19 de agosto, a unidade móbil estará no Milladoiro pola tarde, de 15:30 a 21:00 horas. Como soe ser habitual a unidade móbil estará estacionada na rúa Curuxa, ao lado do supermercado El Árbol.

Por outra banda, a localidade de Bertamiráns recibirá a unidade móbil de doazón os días 19 e 20 de agosto. Nesta localidade o autobús estará situado na parada da Avenida da Maía, fronte á Praza da Maía. O mércores, 19 de agosto, o horario de atención será de mañá, de 9:30 a 14:30 horas, e de tarde, de 15:30 a 21:00 horas. O xoves, 20 de agosto, a unidade móbil estará en Bertamiráns pola tarde, de 15:30 a 21:00 horas.

En 2014 houbo 1.379 doazóns de sangue
Segundo os datos facilitados polo Centro de Transfusión de Galicia en Ames rexistráronse durante o ano pasado un total de 1.379 doazóns de sangue. Destas, 772 foron en Bertamiráns, 605 no Milladoiro e 2 en Biduído. A taxa en 2014 foi de 46 doazóns por cada 1.000 habitantes, polo tanto, Ames cumpriu co índice recomendado pola OMS, que establece de 40 a 60 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano para que en hospitais e ambulatorios non haxa carencias.

Dende o ano 2003 o número de doazóns foi medrando de xeito considerable. Deste xeito, pasouse das 348 doazóns do ano 2003 ás 1.521 rexistradas en 2013, que foi o número máximo de doazóns acadadas en Ames. A evolución dos datos foi a seguinte: 448 en 2004; 509 en 2005; 520 en 2006; 442 en 2007; 893 en 2008; 897 en 2009; 1.019 en 2010; 1.261 en 2011; 1.391 en 2012; 1.521 en 2013 e 1.379 en 2014.