[15-08-2014] Segundo os datos facilitados polo Centro de Transfusión de Galicia durante o que vai de 2014 en Ames rexistráronse un total de 774 doazóns de sangue. Este ano contabilizáronse 421 doazóns en Bertamiráns e 353 no Milladoiro. Para seguir incrementando os datos de participación a localidade de Bertamiráns recibirá a unidade móbil de doazón os días 18 e 19 de agosto, mentres que no Milladoiro estará os días 19 e 20 deste mesmo mes. Ames é un dos concellos con maior taxa de doazón por habitante. En 2013 rexistráronse un total de 1.521 doazóns de sangue, o que supuxo un incremento do 9% na participación con respecto ao ano 2012. A taxa de doazón rexistrada en 2013 foi de 51 doazóns por cada 1.000 habitantes.
O Concello de Ames e o Centro de Transfusión de Galicia realizan todos os meses varias campañas de doazón de sangue nas localidades amienses. Normalmente, a unidade móbil de doazón de sangue visita cada mes o concello de Ames co obxectivo de intentar facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadáns amienses. As localidades que acollen a unidade móbil de doazón soen ser O Milladoiro e Bertamiráns, así como a parroquia de Biduído.
Segundo os datos facilitados polo Centro de Transfusión de Galicia durante o que vai de ano en Ames rexistráronse un total de 774 doazóns de sangue. Para seguir incrementando os datos de participación a localidade de Bertamiráns recibirá a unidade móbil de doazón o próximo luns 18 e o martes 19 de agosto. Nesta localidade o autobús estará situado na parada da avenida da Maía, fronte á praza da Maía. O luns, 18 de agosto, o horario de atención será de 9:30 a 14:30 horas e de 15:30h a 21:00 horas, mentres que o martes, 19 de agosto, a unidade móbil de doazón estará en horario de tarde, de 15:30h a 21:00 horas.
Por outra banda, a localidade do Milladoiro recibirá a unidade móbil de doazón os vindeiros días 19 e 20 de agosto. O martes, 19 de agosto, o horario de atención será de 9:30 a 14:30 horas e de 15:30h a 21:00 horas, mentres que o mércores, 20 de agosto, a unidade móbil de doazón estará en horario de tarde, de 15:30h a 21:30 horas. Como soe ser habitual a unidade móbil estará estacionada na rúa Cruxa, ao lado do supermercado El Árbol.
En 2013 houbo 1.521 doazóns de sangue
Segundo se desprende dos datos facilitados polo Centro de Transfusión de Galicia durante o ano 2013 en Ames rexistráronse un total de 1.521 doazóns de sangue. Isto supuxo un incremento de 130 doazóns (un 9%) respecto ao 2012, xa que durante ese ano houbo un total de 1.391 doazóns. A taxa de doazón rexistrada en 2013 foi de 51 doazóns por cada 1.000 habitantes, mentres que a taxa de 2012 foi de de 47 doazóns por cada 1.000 habitantes. Polo que houbo un incremento de 4 doazóns por cada mil habitantes.
Dende o ano 2003 o número de doazóns foi medrando de xeito considerable. Deste xeito pasouse das 348 doazóns do ano 2003 ás 1.521 rexistradas en 2013. Tendo en conta os datos entre os anos 2003 e 2013 experimentouse un incremento do 244%. O número de doazóns detallado por anos foi 348 doazóns en 2003; 448 en 2004; 509 en 2005; 520 en 2006; 442 en 2007; 893 en 2008; 897 en 2009; 1.019 en 2010; 1.261 en 2011; 1.391 en 2012 e 1.521 en 2013.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ochocientas donaciones de sangre y nueva campaña para los amienses"
La Voz de Galicia: "Ames registra desde enero 774 donaciones de sangre"




