Pestanas principais

No pasado ano 2011 uns 1.800 alumnos/as participaron nas actividades do programa de prevención de drogodependencias que desenvolve o Concello de Ames de forma conxunta con Brión e Negreira

Luns, 27 de febreiro de 2012

[27-02-2012] O Concello de Ames continúa desenvolvendo un programa de prevención de drogodependencias que conta cun amplo abano de actividades e iniciativas en diferentes ámbitos de actuación. No pasado ano 2011, os programas e actividades estiveron dirixidos a unha poboación total de 42.276 habitantes. Destes, os escolares entre 10 e 19 anos foron os máis beneficiados e cos que máis se traballou dende a prevención. Deste xeito, beneficiáronse 1.796 alumnos e alumnas dos nove centros de ensino de Educación Primaria e Institutos de Educación Secundaria dos tres concellos.

Os programas máis destacados realizados no ámbito escolar foron as Intervencións socioeducativas nas aulas nas que participaron 1.526 alumnos, un 73,78% de participación da poboación obxecto do programa. Nesta actividade participou o alumnado de 6º de Educación primaria, ESO, PCPI, Diversificación, Bacharelato e Ciclos Medios e Superiores. En total realizáronse 152 sesións de 50 minutos cada unha en 55 aulas dos centros de ensino.

Outra das actividades desenvolvidas foi A saúde na escola, dirixida aos escolares de 5 a 18 anos. Esta actividade tivo unha participación de 988 alumnos e nela implicáronse 48 profesores. Noutro dos programas, O segredo da boa vida, dirixido á poboación escolar de 5º e 6º de primaria, participaron 563 escolares e 28 profesores de 28 aulas dos 6 centros de educación primaria de Ames, Brión e Negreira.

Intervencións no ámbito familiar

Outro ámbito destacado polo interese que ten a participación dos seus membros é o familiar, non debemos esquecer que a familia ten un papel fundamental na educación, é o modelo base da aprendizaxe de valores, actitudes e comportamentos para os fillos/as. Nas actividades de grupo e individuais participaron 161 pais e nais.

A psicóloga clínica responsable do programa de Prevención das drogodependencias atende directamente e de xeito individualizado a todas as persoas que necesiten información e asesoramento, valora e deriva a outros servizos, se se considera necesario.

No ano 2011 atendéronse 52 persoas, das cales 28 foron pais e nais cos que se tiveron 35 intervencións, e fixéronse ademais, outras 36 intervencións breves con 24 menores considerados en situación de risco. Este servizo está a disposición de toda a cidadanía e atopase situado na Casa da Cultura de Bertamiráns, na Praza Chavián, s/nº, en Bertamiráns. Tamén poden poñerse en contacto a través dos teléfonos 981 891 017 ou 680 156 158.

O obxectivo fundamental da prevención das drogodependencias segue a ser a promoción da saúde e o benestar social. Tentar acadar unha maior implicación das familias, reducir ao máximo os factores de risco e potenciar os factores de protección, evitar chegar á situación de dependencia e reducir os danos naquelas persoas que xa tiveron algún contacto ou se iniciaron nos consumos de sustancias psicoactivas. Con este fin, o servizo de prevención de drogodependencias segue programando e traballando neste ano 2012. As actividades escolares puxéronse en marcha co comezo do curso escolar 2011-12, e as sesións para pais/nais baixo o nome de A familia máis que un teito, así como outras posibles accións, estanse a programar para os tres concellos implicados.

Non debemos esquecer que o problema das drogas involucra a todos, sen distinción de idade, sexo, clases sociais, razas, nin relixión.

Plan de Trastornos Aditivos 2011-2016

Dende o 31 de xullo de 1998 véñense asinando convenios de colaboración entre a Consellería de Sanidade e diversos concellos da nosa Comunidade Autónoma para a realización de programas e actividades no eido da prevención das drogodependencias. O Concello de Ames, xunto cos Concellos de Brión e Negreira forman parte desta colaboración dende o mes de xullo de 2008 no que se asinou o primeiro convenio de colaboración e cofinanciamento para o desenvolvemento de Programas e actividades de Prevención das Drogodependencias.

Tanto a Consellería de Sanidade como o Concello de Ames consideran esencial o establecemento de accións conxuntas para os efectos do desenvolvemento das medidas e acción contidas no Plan de Trastornos Adictivos 2011-16, co fin de reducir, na medida do posible, a problemática ocasionada polo consumo de drogas nos concellos. Á espera da adhesión ao novo convenio de colaboración e cofinanciamento coa Consellería de Sanidade, o Servizo de Prevención de Drogodependencias de Ames, Brión e Negreira, xestionado por unha psicóloga clínica-técnico en prevención de drogodependencias do Concello de Ames, segue coa súa programación neste ano 2012 respondendo ao interese de que os programas e actividades cheguen ao maior número de beneficiarios posible e á necesidade de manter cuberta a demanda crecente deste tipo de actividades.

A especificidade técnica que requiren os programas que se desenvolven, así como a prioridade deste servizo, son algunhas das causas que o Concello de Ames ten en conta para darlles continuidade ás actividades que realizan nos tres concellos.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El plan contra la droga de Ames, Brión y Negreira formó a 1.800 alumnos"