[02-01-2012] O vindeiro mércores 4 de xaneiro todos aqueles que o desexen poderán participar nun obradoiro que acollerá a Aula da Natureza. O obradoiro está dirixido a tódolos públicos e especialmente pensado para que os nenos aprendan e gocen na compaña dos seus pais e doutros nenos. O obradoiro consistirá en decorar a Aula da Natureza da Ameixenda, preparar sobremesas, bebidas e algunhas actuacións para celebrar unha festa onde predomine a sustentatibilidade. O obradoiro comezará ás 16.30 horas da tarde e rematará ás 19.30h. Os/as interesados/as en participar nesta actividade que organiza o Concello de Ames deberán anotarse chamando ao teléfono da Aula da Natureza 660 004 665, á concellaría de Medio Ambiente 981 883 002 marcando a extensión 1312 ou enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.org.
O próximo mércores día 4 de xaneiro a Aula da Natureza acollerá un obradoiro para organizar unha festa de xeito sostible. A actividade centrarase en potenciar o traballo en equipo e o respecto aos compañeiros e na importancia que ten a sustentabilidade e a reciclaxe. Esta actividade celebrarase se hai un mínimo de 20 inscritos. Organizarase ás persoas en grupos de montaxe, decoración, cociña, encargados das bebidas, música e deseño de invitacións entre outros. A idea de fondo é ver que materiais dos que habitualmente se empregan na vida cotiá e nas festas non son sostibles e cales si. Este obradoiro pode ser moi útil para aprender a reciclar e tomar conciencia da súa importancia sobre todo nestas datas de Nadal, nas que as festas coa familia e con amigos son moi habituais.
Para que se celebre o obradoiro deberán estar inscritas polo menos 20 persoas. Se non se chega a cubrir ese cupo o obradoiro pospoñerase e todos os inscritos serán avisados por teléfono do cambio de data.
A Aula da Natureza organiza actividades coma esta durante estes días de Nadal co obxectivo de que as nais e pais que adoitan ter algúns días de vacacións pasen a tarde na compaña dos seus fillos/as aprendendo cousas e valorando o traballo en equipo e a convivencia con outras familias.
Animamos á cidadanía a participar nesta actividade e a comprender a importancia da reciclaxe e do traballo con material ecolóxico para contribuír á sustentabilidade do planeta.




