Pestanas principais

Nenos da escola infantil A Madalena visitaron hoxe a Casa do Concello de Ames

Xoves, 23 de abril de 2015

[23-04-2015] Medio cento de nenos da escola infantil municipal de A Madalena, no Milladoiro, visitaron hoxe a Casa do Concello de Ames onde puideron coñecer ao alcalde, Santiago Amor e á concelleira de Xuventude, Ana Ruso. Con eles recorreron as dependencias municipais nunha instrutiva e lúdica visita organizada, anualmente, por este centro educativo.

Os escolares, de entre 2 e 3 anos de idade, ocuparon as cadeiras do salón de plenos mentres escoitaron as explicacións das mestras sobre o funcionamento básico dun edificio consistorial. Os nenos entregáronlle ao rexedor un agasallo feito a man e eles recibiron un obsequio con motivo da visita. Para rematar, tiveron a ocasión de coñecer ao persoal da Policía Local de Ames e montar nos seus vehículos.  

A escola infantil municipal A Madalena, que conta con medio milleiro de matrículas, realiza diferentes saídas ao longo do curso escolar coa finalidade de axudarlle aos máis pequenos a comprender o funcionamento de distintos organismos presentes no seu día a día.