[22-06-2017] As nenas e nenos usuarios da Rede Municipal de Comedores celebraron hoxe o penúltimo día de aulas cun xantar especial: churrasco con patacas fritas e, de sobremesa, xeado de xeo. O menú foi escollido polos propios rapaces e rapazas o pasado 9 de xuño, nunhas eleccións organizadas, como noutros anos, polo propio Concello. O primeiro prato, que consiste nunha ensalada de aguacate e sésamo, foi escollido pola nutricionista municipal.
As usuarias e usuarios da Rede Municipal de Comedores Escolares volveron ser practicamente unánimes no que a gustos culinarios se refire. Por segundo ano consecutivo, o churrasco con patacas e o xeado de xeo (un polo de limón ou laranxa), volveron ser a opción favorita para a grande maioría do alumando. O menú escollido foi degustado hoxe, penúltimo día de aulas, xa que mañá unha grande parte do alumnado xa come nas súas casas.
Este foi o duodécimo ano no que se celebraron estas peculiares eleccións. Nesta ocasión, o alumnado tivo que escoller entre seis posibilidades: churrasco con patacas fritas, pizza de xamón e queixo, peituga rebozada (nugets) con arroz e salsa de tomate, albóndegas con arroz e salsa de tomate, espaguetes á boloñesa con queixo ou pescada rebozada con pasta tricolor. Desde o 2011 o churrasco con patacas fritas gañou en cinco ocasións, mentres que a pizza de xamón e queixo fíxoo dúas veces. No tocante á sobremesa, as opcións a escoller foron cinco: o finalmente gañador polo de xeado, amorodos con nata, iogur de chocolate, flan con nata ou xeado de corte de tres sabores.
A nutricionista elixe un prato
O primeiro dos pratos que compoñen o menú é escollido anualmente pola dirección da Rede Municipal de Comedores Escolares, nomeadamente pola súa nutricionista. Deste xeito, o primeiro prato a servir foi unha ensalada de aguacate e sésamo.
Un dos obxectivos destas orixinais eleccións é educar ao alumnado en valores democráticos, ensinándolles a respectar as decisións da maioría. Asemade, esta actividade serve para que o Concello coñeza os gustos e preferencias das nenas e nenos á hora de xantar. Para realizar estas eleccións gastronómicas foron empregadas as urnas utilizadas nos comicios municipais, autonómicos e estatais.




