[07-07-2017] Desde hoxe, e ata finais de agosto, as 11 nenas e nenos saharauís acollidos por familias amesás gozarán do verán no noso concello, grazas ao programa Vacacións en Paz, organizado pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Soagaps) e que conta coa colaboración do Concello de Ames.
As familias do noso concello demostraron unha vez máis a súa solidariedade, pasando dunha soa familia acolledora a 10 nun período de dous anos. Asemade, o Concello de Ames tamén aporta o seu grao de area, sufragando o billete de avión das cativas e cativos que estarán durante os meses de verán no concello.
Malia as dificultades xurdidas nos últimos días coas aeroliñas, as 11 nenas e nenos saharauís que veñen a Ames xa están todas e todos coas súas familias de acollida. A entrega ás familias tivo lugar esta mañá no Hotel Scala de Padrón, despois de teren chegado ao longo da noite de onte e a mañá de hoxe a Galicia.
O obxectivo do programa Vacacións en Paz é proporcionar ás nenas e nenos do Sáhara unha estancia agradable e humanamente rica, ofrecéndolles a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida e afastándoos, durante uns meses, do clima de guerra que fai parte do seu día a día. A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explica que a vontade do Concello é manter o seu compromiso con este proxecto solidario coas nenas e nenos do Sáhara: “A intención deste goberno é seguir nesta liña e de cara a vindeiros anos queremos manter a colaboración que tempos con Sogaps Galicia, xa que isto permite que varias nenas e nenos do Sáhara poidan convivir con familias do noso municipio”.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Caluroso recibimento ós once nenos saharauís acollidos en Ames este ano"




