Pestanas principais

As nenas e nenos do concello de Ames viaxarán no tempo a través da Escola de Verán

Luns, 03 de xullo de 2017

[03-07-2017] Comeza a partir de hoxe no Concello de Ames o programa de conciliación Escola de Verán, que serve coma continuación do xa rematado Xuño Lúdico, todo ofrecido da man de Ágora Aberta. O programa desenvólvese durante os meses de xullo e agosto en catro etapas quincenais. A liña temática deste ano serán as viaxes no tempo, xa que en xullo a Escola levará ás e aos rapaces á época dos celtas e, en agosto, á dos romanos. Ao longo deste dous meses participarán un total de 356 rapazas e rapaces, repartidos entre Bertamiráns, nas instalación do CEIP da Maía, onde haberá 162 rapaces; e no Milladoiro, na Casa da Cultura e no pavillón municipal (os de primaria), e na EII (os de infantil), onde asistirán 194 pequenas e pequenos. O servizo estará dirixido a rapazas e rapaces de educación infantil e primaria.

O programa de conciliación Escola de Verán, comeza hoxe no concello de Ames, cunha liña temática baseada nas viaxes no tempo, concretamente, á época dos celtas e dos romanos e ao período medieval. Así, ao longo destes dous meses de xullo e agosto, as nenas e nenos participantes afondarán nestas etapas da historia, a través de xogos, contos e outras actividades.

Nesta edición pasarán pola escola de verán un total de 356 rapazas e rapaces, 162 en Bertamiráns e 194 no Milladoiro. Durante esta primeira quincena de xullo, todas as actividades que se realicen xirarán en torno aos “celtas, as comunidades e as tradicións”, mentres que na segunda quincena as actividades estarán orientadas a coñecer os “romanos: as civilizacións, os xogos e os espectáculos”. Cada cultura será presentada mediante diferentes personaxes que mostrarán ás nenas e nenos como se vivía nesa época, os roles da muller, a importancia da convivencia en grupo… O que se procura é que nenas e nenos sexan conscientes das nosas raíces.

En agosto, as e os participantes da Escola de Verán achegaranse á cultura medieval, con iniciativas varias como a dunha feira medieval con elementos construídos polos nenos e nenas. Alén diso, e de maneira transversal, durante este dous meses traballaranse aspectos como a igualdade de xénero, a educación emocional ou a animación á lectura. Tamén terán un peso importante xogos de carácter popular, así como cooperativos, ou na natureza.

Continuación do Xuño Lúdico
A Escola de Verán comparte moitas características co Xuño Lúdico, só que a duración desta é maior, prolongándose ao longo dos meses de xullo e agosto. Así, nenas e nenos teñen máis tempo para aprender e para coñecerse entre elas e eles. O obxectivo de ámbolos dous programas é o mesmo, xa que ambos pretenden ofrecer unha alternativa de conciliación no verán para as familias amesás.