Pestanas principais

As nenas e nenos de Ames reciben a visita do Apalpador nos centros escolares do concello

Martes, 19 de decembro de 2017

[19-12-2017] A actividade realizouse ao longo desta mañá nas escolas municipais do Bosque e A Madalena, nas escolas da Rede Galiña Azul de Bertamiráns e do Milladoiro e nas escolas unitarias da Tarroeira e de Covas. O contador de contos, Anxo Moure, foi o responsable de encarnar ao Apalpador, figura da mitoloxía galega que, por estas datas, baixa das montañas do Courel para tocar a barriga das máis cativas e cativos, comprobando así a fame que estes poidan ter e deixándolles, de paso, castañas e eventualmente algún agasallo. Este é o terceiro ano consecutivo no que o Apalpador visita ao alumnado amesán. A visita foi organizada polo Concello de Ames a través da Concellaría de Cultura.

A actividade encádrase nas múltiples iniciativas que están a ter lugar en Galicia para recuperar a figura do Apalpador. Ese home grande e barbudo, que baixa das montañas do Courel a finais de decembro, para comprobar, palpándolle a barriga, como de ben comen as crianzas. O personaxe da mitoloxía galega, que progresivamente foi sendo desprazado polo Papá Noel e polos Reis Magos, acostumaba deixar unha presa de castañas ás nenas e nenos, así como agasallos realizados por el mesmo.

O contador de contos, Anxo Moure, foi o encargado de interpretar ao Apalpador, relatándolle ás nenas e nenos a súa orixe e dándolles a coñecer a fauna e flora do Courel. Deste xeito, o alumnado das escolas coñeceu a través das narracións do Apalpador diferentes historias como as da Coureliña, unha loba do Courel cuxo hábitat se atopa en perigo pola progresiva desaparición dos bosques e da contaminación. O respecto e a conservación da natureza foi unha das mensaxes transversais de practicamente todas as historias narradas polo Apalpador.

Ademais, alén dos contos, o Apalpador tamén trouxo do Courel música e mesmo as súas vestimentas en miniatura, para que o alumando puidese probalas. Así mesmo, esta figura lendaria tamén se interesou pola alimentación das cativas e cativos, explicándolles os beneficios da comida da casa, do queixo e do leite das gandeiras e gandeiros galegos, así como da necesidade de evitar as hamburguesas, as bebidas con azucre e as lambonadas. O alumnado que gozou da visita do Apalpador foi o das escolas infantís do Bosque e A Madalena, o da Rede da Galiña Azul en Milladoiro e Bertamiráns e o das escolas unitarias da Tarroeira e de Covas. A visita do Apalpador foi organizada polo Concello de Ames a través da Concellaría de Cultura.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "O Apalpador, en Ames"