Pestanas principais

Nava Castro e Santiago Amor visitan as obras realizadas no Camiño de Santiago ao seu paso por Ames

Xoves, 11 de setembro de 2014

[11-09-2014] A Directora Xeral de Turismo, Nava Castro, en compañía do alcalde de Ames, Santiago Amor e o concelleiro de Vías, Obras, Parques, Xardíns, Patrimonio e Urbanismo, Alfredo Tabaoda, visitou esta mañá o tramo do Camiño de Santiago que discorre entre Auga Pesada e Trasmonte. Nava Castro tivo a oportunidade de comprobar in situ as obras de mellora realizadas pola Sociedade de Xestión do Xacobeo e o Concello de Ames nese tramo do Camiño de Santiago a Fisterra. Na visita estivo presente tamén o presidente da recentemente creada “Asociación do Camiño Portugués de Ames e Teo”, Jesús Fernández, que lle expuxo a Nava Castro os proxectos que esta asociación quere levar a cabo para poñer en valor e dinamizar o Camiño Portugués ao seu paso por ámbalas dúas localidades. Pola súa banda, o alcalde de Ames avanzoulle a Secretaria Xeral de Turismo o proxecto pedagóxico baseado no Camiño que o Concello quere poñer en marcha para os escolares de Ames.

A visita da Directora Xeral de Turismo serviu para comprobar o estado das obras realizadas no Camiño a Fisterra ao seu paso por Ames pola Sociedade de Xestión do Xacobeo, dependente da Dirección Xeral de Turismo. Os traballos consistiron fundamentalmente no acondicionamento do firme e na limpeza da cunetas. Para iso desbrozáronse as malas herbas que nacen á beira do camiño, e cortáronse as polas das árbores que invaden a senda peonil. Ademais abríronse cunetas, en ambas marxes do camiño, para que discorra a auga sen problema, e repúxose a grava naquelas zonas que sufriron un lavado do firme debido ás choivas do inverno. Por último, realizouse unha limpeza superficial das zonas do camiños que teñen adoquíns no seu firme. Aqueles que estaban soltos fixáronse correctamente e substituíronse os que estaban rotos. Por outra banda, o Concello de Ames limpou recentemente as beira rúas de Auga Pesada.

A directora de Turismo de Galicia explicou no transcurso da visita que a administración autonómica realiza grandes esforzos en conservar e protexer as rutas xacobeas, facendo labores de mantemento, medidas correctoras e acondicionamento dos diversos tramos do Camiño. Cada ruta do Camiño ten as súas peculiaridades singulares non só paisaxísticas senón tamén orográficas, de trazado polo que é preciso adaptar as actuacións de acondicionamento destas ás súas peculiares características. Durante a visita, Nava Castro destacou que as obras realízanse respectando sempre as condicións do camiño coma o seu ancho ou os valos tradicionais.

Para o alcalde de Ames é fundamental manter en boas condicións os camiños xacobeos que pasan por Ames de xeito que “tanto o Camiño a Fisterra como o Camiño Portugués estean en boas condicións para acoller os peregrinos que durante todo o ano e, especialmente no verán, os percorren”. “Porén -engade Santiago Amor- as actuacións nos camiños deben ir máis alá. É a nosa obriga dalo a coñecer e poñelo en valor tamén a través de programas que o fagan presente, mesmo entre os sectores da sociedade máis próximos a nós” Neste sentido o alcalde anuncioulle á Directora Xeral de Turismo que o Concello de Ames está traballando nun proxecto pedagóxico destinado aos escolares do Concello que ten como base o Camiño de Santiago.

Destacou tamén o alcalde de Ames a importancia da colaboración con Concellos veciños polos que descorren rutas xacobeas. Con respecto a esta cuestión, Santiago Amor suliñou a presenza na visita do presidente da recentemente creada “Asociación do Camiño Portugués de Ames e Teo”, Jesús Fernández, que lle expuxo a Nava Castro os proxectos que esta asociación quere levar a cabo para poñer en valor e dinamizar o Camiño Portugués ao seu paso por ámbalas dúas localidades.

Ames é un dos pouco concellos galegos polo que discorren máis de un dos camiños de peregrinación xacobea. Dúas rutas de peregrinación discorren polo seu termo municipal: o Camiño Real de Santiago a Fisterra-Muxía e o Camiño Portugués. No ano 2012 púxose en marcha durante os meses de xullo e agosto no Milladoiro un punto de información ao peregrino que atendeu un voluntario do arcebispado de Santiago. Nesa ocasión seláronse 1.300 compostelás. Ao ano seguinte, o punto de información ao peregrino mantívose aberto durante catro meses nos que se selaron 6000 compostelás.

Cómpre salientar tamén que recentemente a brigada de obras do Concello de Ames estivo realizando labores de limpeza e desbroce no Camiño Portugués ao seu paso polo municipio. Estes traballos de acondicionamento realizáronse co obxectivo de que tanto o Camiño que vai de Santiago de Compostela ata Fisterra, como o Camiño Portugués estean en perfectas condicións para os peregrinos que durante todo o ano transitan por estas rutas.

O Camiño Real de Santiago a Fisterra é o camiño de finalización da peregrinación xacobea, o único que ten en Santiago o seu punto de arranque e non o seu final. A primeira etapa do Camiño Real na procura das terras de Fisterra desenvólvese por terras de Ames. O Camiño entra en Ames polo Alto do Vento e discorre por Ventosa e Lombao para logo descender ata Augapesada. A continuación, o Camiño pasa por diferentes localidades amienses como Carballo, Trasmonte, Burgueiros ata chegar ao núcleo histórico de Ponte Maceira, onde abandona o concello de Ames e cruza o río Tambre, para entrar en terras de Negreira por unha fermosa ponte gótica.



Contido relacionado


Castro revisa mejoras en el firme y cunetas del Camino en Ames