Pestanas principais

Nas comisións informativas previas ao pleno de xuño abordouse a expropiación forzosa de terreos e a redistribución de anualidades da obra de abastecemento en Ames e Brión

Venres, 20 de xuño de 2014

[20-06-2014] O Concello de Ames convocou para este venres as comisións informativas, previas ao pleno ordinario do mes de xuño, nas que se abordaron varios temas entre os que destacan a aprobación inicial do regulamento do servizo municipal de transporte adaptado do Concello de Ames, así como a expropiación forzosa, polo trámite de urxencia, para a obtención dunha finca que é necesaria para a execución do proxecto complementario de abastecemento en Ames e Brión e a redistribución das anualidades da obra deste mesmo proxecto de abastecemento. Ademais, tratáronse dúas mocións presentadas polos concelleiros/as do grupo municipal socialista e polos concelleiros/as non adscritos/as María Dolores Fernández, Alfonso Rey, María González, Manuel Ferreiro, Emilio Martínez e Ramón García Argibay.

Nas comisións informativas, previas ao pleno ordinario do mes de xuño, tratáronse dous temas relacionados co proxecto de abastecemento en Ames e Brión. Un destes temas foi a expropiación forzosa, polo trámite de urxencia, dunha parcela que é necesaria para a execución do proxecto complementario de abastecemento en Ames e Brión (primeira fase). O Concello de Ames, na sesión plenaria do pasado 29 de agosto de 2013, acordou levar a cabo a expropiación forzosa, polo trámite de urxencia, dos terreos necesarios para a execución deste proxecto. Iniciadas as obras detectouse a necesidade de adquirir unha nova finca, para que pase a ser de dominio público, xa que é necesaria para acometer o devandito proxecto.

Ademais, abordouse a redistribución das anualidades da obra deste mesmo proxecto de abastecemento. O orzamento inicial de licitación desta obra foi de 7.063.735,70 euros, dos cales Augas de Galicia financiaba un 80% e o 20% restante era sufragado polos concellos de Ames e de Brión (un 10% cada un dos municipios). Debido ás dificultades que estas achegas presentaban para os concellos, Augas de Galicia autorizou unha substancial minoración das mesmas, que no caso de Ames pasou de ter que achegar 819.393,34 euros iniciais a unicamente 400.000 euros, prevéndose tamén un calendario plurianual para o seu pagamento, que afectaba aos exercicios 2013 e 2014, a razón de 300.000 euros e 100.000 euros, respectivamente.

O calendario de execución da obra, cuxo remate está previsto para a primeira metade do ano 2015, semella posibilitar unha nova modificación na programación dos pagamentos, para concentralos ao remate dos traballos de construción da infraestrutura, nun momento no que o Concello de Ames agarda dispor dunha mellor situación financeira, grazas ao avance da aplicación do Plan de Axuste 2012-2022, e das medidas de saneamento que nel se contemplan.

Despois de que o Concello de Ames mantivese as oportunas conversas con Augas de Galicia, agora deberá ser o Pleno o que, se procede, aprobe solicitar formalmente á Dirección de Augas de Galicia que este organismo público sufrague o 92,68% do importe de execución da obra. Deste xeito, a achega que tería que realizar o Concello de Ames sería de 400.000 euros. Ademais, haberá que aprobar en Pleno a modificación da distribución das anualidades que terá que pagar o Concello, aprobadas xa previamente no Pleno do pasado 26 de novembro de 2009. As novas anualidades que habería que aboar serían de 100.000 euros no ano 2014 e de 300.000 euros no ano 2015.

Regulamento do servizo municipal de transporte adaptado
Por outra banda, nas comisións informativas abordouse a aprobación inicial do regulamento do servizo municipal de transporte adaptado do Concello de Ames. Este servizo está dirixido a todos os veciños/as de Ames con mobilidade reducida e que non sexan atendidos polo servizo de transporte adaptado autonómico (programa 065), ben pola lista de agarda existente ou ben por non ter recoñecido o grao de dependencia que esixe a normativa autonómica ou incluso por tratarse de usuarios/as que teñen que realizar rutas que non están cubertas polo devandito programa 065.

Por último, tratáronse dúas mocións. A primeira foi presentada polos concelleiros/as do grupo municipal socialista para instar á Xunta de Galicia a adoptar as medidas necesarias para a modificación da Lei 9/2013, de 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, eliminando do seu texto o disposto no artigo 41, apartado C, no que se refire á obriga das condicións impostas ás comisións de festas para a obtención de licenza de celebración de festas populares.

A segunda moción foi presentada polos concelleiros/as non adscritos/as María Dolores Fernández, Alfonso Rey, María González, Manuel Ferreiro, Emilio Martínez e Ramón García Argibay sobre os convenios de colaboración entre a Xunta de Galicia e os concellos en materia de comedores na época de vacacións escolares durante o verán. Nesta moción ínstase á Xunta de Galicia a asinar un convenio segundo o disposto no boletín oficial do Parlamento de Galicia número 303 de 12 de xuño de 2014.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Las obras de abastecimiento de agua de Ames y Brión se pagarán en dos años"
El Correo Gallego "Ames pide otra expropiación y la rebaja de cuotas para una potabilizadora que estará lista en un año"