Pestanas principais

Náiade, Triska, Monoulious Dop, De Vacas, Biribirlocke e Sondarúa actuarán este sábado no festival SolporSon de Ames 2019

Mércores, 11 de decembro de 2019

Este sábado, 14 de decembro, realizarase no campo da festa de Biduído o festival SolporSon de Ames, no que dende as 17.00 horas haberá batalla de galos (regueifa moderna) e unha exhibición de grafite. O festival estará presentado pola xornalista, Paula Señarís. Dende as 19.30 horas actuarán os grupos Náiade, Triska, Monoulious Dop, De Vacas, Biribirlocke e Sondarúa. Tres destas bandas musicais: Náiade, Triska e Biribirlocke son grupos locais de Ames. Náiade e Triska, que ensaian na Factoría, debutan actuando nun festival. Trátase dunha nova iniciativa posta en marcha dende a Concellaría de Mocidade e Normalización Lingüística, que xorde das xuntanzas realizadas cos mozos e mozas dentro da Comisión de orzamentos participativos. Haberá actividades de cultura urbana e moita música, así como unha carpa e un canón de calor.

O SolporSon de Ames 2019 terá lugar este sábado, 14 de decembro, no campo da festa de Biduído, nas inmediacións da Factoría, local onde ensaian algúns dos grupos amesáns que forman parte do cartel do festival. Xa está practicamente todo preparado para a celebración da primeira edición deste festival que está dirixido á mocidade amesá. Para ter unha información máis detallada do festival pódese entrar na páxina de Facebook da OMIX.

As primeiras actividades planificadas para este festival son unha batalla de galos e unha exhibición de grafite. Trátase dunha actividade cultural onde os participantes improvisan cancións a través de palabras claves que lle da o organizador da actividade. En resume é unha actividade de regueifa moderna. Ambas actividades estarán dinamizadas por Vella Escola, referente dende hai xa 10 anos na organización de actividades de Cultura Urbana dirixidas á mocidade.

A continuación, dende as 19:30 horas, teremos a oportunidade de gozar das diferentes actuacións musicais. Náiade será o primeiro grupo que veremos enriba do escenario. Trátase dunha banda local de rock-blues galego que poderemos ver por primeira vez no SolporSon de Ames. Trisca é o seguinte grupo local en actuar. Eles son 3 mozos que levan tocando dende o pasado mes de setembro e que tamén debutarán en Biduído. Con Biribirlocke completamos as agrupacións locais que actuarán no festival. Son de Bugallido e levan dende o ano 2010 facéndonos desfrutar do seu rock and roll. Monolius Dop, Son da Rúa e De Vacas son os outros grupos que actuarán na noite do 14 de decembro.

Servizo de autobuses

Para facilitar o desprazamento de todas as persoas que se queiran achegar haberá un servizo de autobuses, que será de balde, dende O Milladoiro e Bertamiráns. Haberá dous autobuses de ida e outros dous de volta. Os autobuses de ida saíran ás 16.30h e 19.00h da praza do Concello, en Bertamiráns, e ás 16.45h e 19.15h dende a Casa da Cultura do Milladoiro. Os autobuses de regreso saíirán dende o campo da festa de Biduído ás 20.30 e ás 02.00 horas (hora de remate do festival), pasando polo Milladoiro e por Bertamiráns.

Para taparse da choiva instalarase unha carpa no campo da festa de Biduído. Tamén haberá un canón de calor. Neste festival que está organizado pola Concellaría de Mocidade tamén colaborán a Policía Local de Ames e maila Agrupación de Protección Civil do Concello de Ames. Esta actividade xorde tralas xuntanzas que se levan mantendo cos mozos e mozas no marco da Comisión de orzamentos participativos.

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "Ames prepárase para celebrar o SolporSon dirixido a mocidade"

Cartel SolporSon

Multimedia

  • Cartel SolporSon
  • Batalla de galos