Pestanas principais

Na Gala de entrega de premios do Certame Literario de Ames saliéntouse a singularidade do concurso á hora de descubrir novos talentos literarios

Luns, 24 de maio de 2021

Conducida pola xornalista de Ames Radio, Nazaret López, coa presenza do alcalde, Blas García, da concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, dos membros do xurado, Armando Requeixo e Paulo Calvo, e das gañadoras e gañadores,  celebrouse o pasado venres, 21 de abril, a gala de entrega de premios da XVIII edición do Certame Literario de Ames. O acto comezou cun recital de poemas de Xela Arias a cargo da cantante Fátima Pego e do pianista Josep Ruíz. O dúo encargouse tamén da clausura da velada interpretando unha escolma de cancións galegas. Pódense ver as imaxes do acto na galería premendo nesta ligazón.

No ano 2020, o tradicional acto de entrega de premios aos gañadores/as do Certame Literario de Ames non se puido desenvolver por mor da situación de crise sanitaria que estabamos atravesando, polo que nesta ocasión, a conmemoración do certame, que este ano cumpre a maioría de idade, acadou o carácter especial de recuperación dunha das tradicións culturais máis emblemáticas do concello de Ames. Así o recoñeceron nos seus discursos tanto o alcalde Blas García como a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín.

“Hoxe é un día de festa por varias razóns e a primeira delas é a de poder xuntarnos e facer esta pequena celebración”, manifestou Blas García, antes de dicir que os galegos debemos defender o idioma todos os días do ano porque é o noso maior tesouro: “A min danme moita rabia esas persoas que o 17 de maio fan unha escolma ou un texto en galego e o resto do ano falan castelán”. O alcalde concluíu dicindo que “os amesáns e as amesás podemos estar realmente orgullosos do certame que este ano cumpre a súa maioría de idade e que axuda sempre a descubrir novos talentos para a literatura galega”.

“É moi ilusionante comezar a vérmonos e a sentir a caloriña humana, aínda que sexa a través destas máscaras”, manifestou a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín”. Pampín dixo tamén sentir moita admiración “polas persoas que se enfrontan a un papel en branco e que o fan en lingua galega” e convidou a todos e a todas a contribuír á normalización lingüística do país “Quen participa neste concurso xa o está facendo”, matizou ao tempo que desexaba a todos os premiados e premiadas que “o certame sirva de lanzadeira para as carreiras literarias de todos vós”.

No nome do xurado, falou o profesor o crítico literario Armando Requeixo que cualificou de “escenario de zahorís”  ao Certame , pola sona que ten de dar a coñecer novos talentos : “Aquí hai rapaciños e rapaciñas de 8, 9 e 10 anos cos que me vou estar cruzando e dándolles premios  noutros certames de distintas categorías ao longo de vindeiros anos”. Requeixo salientou tamén a capacidade de convocatoria que o concurso ten tamén para nomes consagrados da literatura galega: “este ano sen ir máis lonxe premiamos a Arantxa Nogueira que ten xa un feixe de traballos publicados e a Antonio Piñeiro que eu creo que con queda concurso no país que non ganase”.

A cantante Fátima Pego, e o pianista Josep Ruíz, que abriran a gala cun recital de poemas de Xela Arias, a homenaxeada no Día das Letras deste ano,  pecharon a gala cun pequeno concerto no que fixeron versións de temas galegos como “Negra Sombra”, “Lena”, “O Mar” e “Campanas de Bastavales”.

Pódense ver as imaxes do acto na galería premendo nesta ligazón.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Premios literarios para os novos talentos e mestres"

Foto de familia dos premiados e premiadas

Multimedia

  • alcalde e concelleira de Cultura
  • público
  • Armando Requeixo, membro do xurado
  • Fatima Pego e Josep Ruíz