Pestanas principais

Música para cantar e bailar en compañía no programa Apego, con “Fíos do querer” este venres 18

Xoves, 10 de febreiro de 2022

Xa está aberto o prazo para inscribirse en “Fíos do querer”, unha nova proposta do Apego de Ames para familias con nenas e nenos dos 0 aos 4 anos. Cé Orquestra Pantasma presenta un espectáculo musical participativo, tecido con agullas de amor, lingua, aloumiños e das primeiras experiencias compartidas. Será o próximo venres 18, con dúas sesións ás 17:00 e ás 18:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. As persoas interesadas en asistir poden anotarse ata o 17 de febreiro, enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que indiquen nome e apelidos das asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas.

As actividades do programa Apego de Ames proseguen coa música de Cé Orquestra Pantasma, un home orquestra que leva dende o verán de 2008 percorrendo o panorama festeiro galego e portugués. Acompañadas de nais, pais, ou outras persoas adultas responsables, as crianzas gozarán da música e explorarán os seus sentidos, con axóuxeres e obxectos sonoros feitos con materiais naturais. As nenas e nenos bailarán e cantarán xuntas, nun espazo para desfrutar do amor, da lingua, dos bicos, dos aloumiños e das primeiras experiencias compartidas.

A actividade é de balde e as persoas interesadas en participar só teñen que enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que indiquen nome e apelidos das asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe ata o xoves 17 de febreiro. Non se admitirán inscricións fóra de tempo e as prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes.

A programación infantil con Apego do primeiro semestre de 2022 pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.

O programa Apego, actividades, formación e recursos para familias

O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade entre 0 e 6 anos. É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia a través de actividades e de recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames. Para ese primeiro contacto poden optar por diferentes vías: cubrir o formulario "Súmate ao Apego" na páxina web apego.gal, escribir a normalizacion@concellodeames.gal ou chamar ao teléfono 662 377 215.

Música para cantar e bailar en compañía no programa Apego, con “Fíos do querer” este venres 18

Multimedia

  • Música para cantar e bailar en compañía no programa Apego, con “Fíos do querer” este venres 18