Pestanas principais

“Música Miúda” para a cativada no Apego de Ames

Luns, 13 de decembro de 2021

Xa é posible inscribirse na nova actividade do programa Apego de Ames, "Música Miúda: en concerto!", un espectáculo musical en directo para toda a familia no que van da man a lingua, a igualdade, a diversidade e a inclusión. O concerto, con aforo limitado, terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns o mércores 22 de decembro ás 18:00 horas. As persoas interesadas en asistir poden anotarse ata o 21 de decembro, enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas.

A banda de música infantil galega, Música Miúda, ofrece á cativada e ás familias unha viaxe por Bemol Pequeno, un lugar para aprender, cantar e gozar coa avoa Lola, o dinosauro Pepón, Antía Carapuchiña e o pirata Efrén, entre outras personaxes. Con valores como a lingua, a igualdade, a diversidade e a inclusión, Música Miúda constrúe a súa xira de 2021 por toda Galicia, facendo paradas en Brión, Burela, Ferrol, Bueu, A Estrada, Pontevedra ou Santiago de Compostela.

A actividade é de balde e as persoas interesadas en participar só teñen que enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que indiquen nome e apelidos, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe luns 13 ata o martes 21 de decembro.

O programa Apego, actividades, formación e recursos para familias

O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade entre 0 e 6 anos. É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia a través de actividades e de recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames. Para ese primeiro contacto poden optar por diferentes vías: cubrir o formulario "Súmate ao Apego" na páxina web apego.gal, escribir a normalizacion@concellodeames.gal ou chamar ao teléfono 662 377 215.

Novas relacionadas

AMSGO!: "“Música Miúda” para a cativada de Ames"

“Música Miúda” para a cativada no Apego de Ames

Multimedia

  • “Música Miúda” para a cativada no Apego de Ames