Pestanas principais

A música de ChAnZo e a plástica de Nove No31, visitan a Casa da Cultura do Milladoiro este xoves, 4 de novembro

Martes, 02 de novembro de 2021

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle, este xoves 4 de novembro, ás 17.00 h, a actuación de ChAnZo e de Nove No 31. Baixo o lema Outra música é posible, ChAnZo encherá o auditorio do Milladoiro de sons e imaxes diferentes que conxugan a improvisación e a tecnoloxía para deleitarnos con música negra, jazz, groove, música electrónica, representación plástica en directo e moito máis. O espectáculo é unha actividade que chega ao noso concello da man da  Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia no marco dos proxectos culturais Xacobeo 21.

ChAnZo ten como sinais de identidade a tecnoloxía e a improvisación e procura novos camiños para a música a través dunha paleta de elementos arriscados e informais. Rubén Fernández na voz, Alex Salqueiro nos teclados, Xacobe Martinez Antelo no baixo e Lar Legido na batería, son os catro músicos galegos que forman ChAnZo e que estarán acompañados no escenario polo recoñecido artista plástico rianxeiro Nove No 31 que realizará un mural en directo no que plasmará as sensacións que a el lle produce o concerto de ChAnZo. Esta conxunción de música e intervención plástica ten como obxectivo atrapar a todo tipo de público e sorprendelo con todo tipo de sons e acordes.

A actuación estaba prevista para a Praza de Manuel Murguía, pero ante a previsión meteorolóxica de chuvia, trasládase ao auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Será ás 17.00 h deste xoves, 4 de novembro. A entrada será libre e de balde ata completar a capacidade da sala. Nesta ocasión non é preciso reservar convite.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "ChAnZo vai tocar na casa da cultura do Milladoiro con Nove No 31"

AMSGO!: "A música de ChAnZo e a plástica de Nove No31 visitan a Casa da Cultura do Milladoiro"

Lindeiros: "Chanzo, Xacobe Martínez presenta en Ames un novo proxecto"

A música de ChAnZo e a plástica de Nove No31, visitan a Casa da Cultura do Milladoiro