Pestanas principais

A música da Asociación Cultural Os Retranqueiros acompañou o acto de acendido do alumeado de Nadal no Milladoiro

Luns, 30 de novembro de 2015

[30-11-2015] Yago Bouzas e Candela Pena, estudantes de educación infantil e gañadores do Concurso de Cartas de Nadal de 2014, acenderon as luces enfronte do público que acudiu á Casa da Cultura do Milladoiro este domingo 29 de novembro. A Asociación Cultural Retranqueiros interpretou unhas pezas para acompañar o acto.


Candela Pena e Yago Bouzas, ela do CEIP A Maía e el da EEI do Milladoiro, foron os encargados de pulsar o interruptor de acendido das luces. Os pequenos foron gañadores, a pasada edición, do Concurso de Cartas de Nadal. Tralo acendido comezaron a soar os primeiros acordes: os Retranqueiros poñían música ao acto.

As rúas amesás locen xa engalanadas, e así o farán durante todo o mes de decembro e os primeiros días do ano que entra. A árbore de Nadal decora este ano a praza Manuel Murguía, no Milladoiro.

O público que saíu da Gala Máxica Internacional do X Festival de Maxia, que se desenvolveu onte na Casa da Cultura do Milladoiro, fíxoo a tempo para presenciar o acto de acendido do alumeado das luces de Nadal, unha decoración que o Concello manterá até o día 6 de xaneiro.